mércores, 19 de decembro de 2018

Inicio do inverno 2018

O inverno de 2018-2019 comezará o 21 de decembro ás 23h 23m hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Este día, pois, será o solsticio de inverno, é dicir, un dos momentos nos que o Sol, durante o seu movemento aparente na esfera celeste, está máis afastado do Ecuador.
Esta estación durará 89 días e 20 horas, e rematará o 20 de marzo co comezo da primavera.
Durante todo o inverno Marte será visible despois de poñerse o Sol. Ao amencer veranse Venus, Xúpiter e, desde de mediados de xaneiro, Saturno, que estará oculto pola Lúa a madrugada do 2 de febreiro.
A lúa chea do mes de decembro será o vindeiro día 22. A lúa chea, ou plenilunio, é unha fase luar que sucede cando o noso planeta Terra se encontra situado exactamente entre o Sol e a Lúa. Nalgúns lugares a esta lúa chámaselle Lúa Fría, Lúa de Xeada ou Lúa antes do Nadal. Esta Lúa vese alta no ceo porque está de fronte a un Sol moi baixo no horizonte.
Ao longo desta estación se producirán dous eclipses, un parcial de Sol que non será visible en España (so no nordeste de Asia e no norte do Océano Pacífico), os días 5 e 6 de xaneiro, e un total de Lúa o 21 de xaneiro, visible en Europa, África e América.
O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, é un bo momento para planificar o vindeiro ano e comezar a plantar os primeiros cultivos. Agora podemos plantar allos e bulbos de cebola, chícharos e fabas lobas. Podemos plantalas de xeito escalonado, por exemplo en tres veces entre decembro e febreiro, para que non nos veña todo o froito xunto.
Non debemos deixar o solo espido, pois as xeadas reducen a súa fertilidade. Se non imos plantar nada ata a primavera, podemos cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe...), que aumenta a actividade biolóxica e reduce a aparición doutras herbas, ademais, a súa descomposición será boa para a terra.
Esta información foi extraída das páxinas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario