mércores, 19 de decembro de 2018

As maceiras e as mazáns


A maceira (Malus domestica), é unha árbore da familia das rosáceas cultivada polo seu froito, a mazá. Parece ser que se comezou a cultivar hai xa varios miles de anos e que se introduciu en Europa na época do Imperio Romano. Hoxe en día existen unas 1000 variedades cultivadas, como resultado das moitísimas hibridacións entre as variedades silvestres.

As propiedades positivas que teñen as mazás para a saúde son innumerables, ata o punto que se lle ten considerado un alimento medicina: a mazá é rica en fibra, retén a auga e facilita a eliminación de toxinas, é un antiácido natural, renova a flora intestinal, é un dentífrico natural, ten un gran contido en taninos, que son antiinflamatorios, é abundante en vitamina C (unha mazá pode cubrir o 30% das necesidades diarias desta vitamina), vitamina E, potasio, fósforo...

Podes comer as mazáns crúas, pero tamén facer compota, e nas comunidades do norte de España faise a sidra a partir das mazáns.

A maceira era símbolo da sabedoría, a calma e a paz entre os druídas celtas. Unha maceira ten tanta vida que é quen de producir uns froitos moi grandes, aínda sendo ben pequena, como podedes ver nas maceiras que plantamos o ano pasado, que xa deron bos froitos este ano.


A maceira e as mazás teñen moita importancia na nosa cultura. Sabías que? 
  • A palabra pomada chámase así polo nome desta árbore en francés, pommier. Antigamente unha mestura de zume de mazá e aceite se usaba para curar feridas. 
  • A maceira é a árbore froiteira máis antiga que aparece na Biblia, pois Adán e Eva foron expulsados do Paraíso por probar o froito da árbore do coñecemento, que era unha maceira. 
  • A mazá aparece e contos, como o de Brancaneves e ten un papel fundamental no seu desenlace. 
  • A mazá da discordia na mitoloxía grega desata un enfrontamento entre as deusas Hera, Afrodita e Atenea
  • Isaac Newton comentou ao seu biógrafo William Stukeley, que usou a caída dunha mazá na súa horta como inspiración para formular a Lei da gravitación universal
  • O grupo The Beatles empregouna como logotipo para a súa compañía discográfica. 
  • O logotipo da empresa de informática Apple Inc. é unha mazá mordida e os seus computadores chámanse Macintosh (McIntosh é unha variedade de mazá). 
No cantigueiro podemos atopar cantigas como estas:

Pasei a Ponte de Ourense,
paseina de madrugada;
topei un anelo de ouro
i unha mazá colorada

Unha mazá vermelliña
posta na mesa do rei;
non collín outros amores
desque contigo falei

A carón da Casa das Ciencias da Coruña hai plantada unha maceira que seica é un exemplar clónico da que existe na que fora casa de Isaac Newton, como podedes ver na foto da placa que hai ao pe desta árbore. 



Gran parte desta información foi obtida nas seguintes páxinas: 
Tamen nos serviu de referencia o libro de Eric Brisbare "Un baño de bosque", de Alianza Editorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario