venres, 23 de marzo de 2018

SAÍDA AO GAIÁS


Este pasado mércores as alumnas e os alumnos de Educación Infantil foron de excursión á Cidade da Cultura, no monte Gaiás. En primeiro lugar fomos ver unha montaxe artística nas Torres Hejduk, que albergan as chemineas polas que se expulsan os gases da calefacción de todo o complexo de edificios. Dentro delas contemplamos unha intervención paisaxista do artista Martín Tomil, Betula Pendula, coa que quere transmitirnos a fraxilidade dos bosques galegos, pero dun xeito artístico. Na sala luminosa (pois as súas paredes son de cristal), colga bidueiros amarrados desde a súa propia cepeira, cun sistema de rego para manter as árbores vivas. No chan pon un espello para dar sensación de camiñar sobre as copas. Na torre de pedra, escura, pendura bidueiros queimados.
Despois de merendar e de pasar un anaco no Parque da Balea baixamos pola aba do monte Gaiás e fomos plantar varias árbores, tamén bidueiros. Con nós foron Paula, guía da Cidade da Cultura, xunto con Victor, Javier e Juan, técnicos da USC (Universidade de Santiago de Compostela.
Ao chegar ao terreo onde íamos plantar estaban esperándonos os traballadores da empresa Seaga, que xa nos tiñan preparados os furados onde situar as árbores.
Coa súa axuda fomos quen de aportar a nosa contribución á creación do Bosque de Galicia, que se está a formar alí coa colaboración de moitas persoas. Foi unha experiencia moi interesante, e traballaron con moito entusiasmo!
Moitas gracias a quen nos axudastes, foi unha experiencia moi interesante para as nosas alumnas e os nosos alumnos!











Ningún comentario:

Publicar un comentario