martes, 4 de xuño de 2019

Pitos e parrulos

Este luns pola mañá cando chegamos tiñan nacido xa o parrulo que vedes nas imaxes e tres pitos. Ao longo desa mañá naceron dous pitos máis, e pola tarde un terceiro, que conseguiu saír da casca sobre as cinco da tarde. Ao chegar pola mañá rapidamente puxemos unha caixa coa luz enriba, pois precisan máis calor durante os primeiros días de vida. Tamén lles puxemos auga e comida. Ao día seguinte naceu un pito pola madrugada e un segundo parrulo pola mañá. 
Nacer é un gran esforzo, os pitos teñen que conseguir furar a casca do ovo e ir rompéndoa aos poucos, e precisan descansar a cada pouco. Os parrulos, en cambio, non pican tanto a casca e máis ben ábrenlle regañas a forza de moverse. En calquera caso, non é fácil desprenderse da casca, que queda pegada ata o último momento! 
Despois de nacer tamén precisan descansar moito, e os pitos quedan durmidos a cada pouco, mentres que nos momentos que están espertos dedícanse a coñecer aos outros pitos, a comer e beber, e a fortalecer o seu corpo e, sobre todo, as súas patas.
O noso primeiro parrulo, que debeu nacer o domingo, comeu moito esa mañá e bebeu a miúdo. Así si que vai medrar rápido! Tamén fixo moita amizade con algúns dos pitos, xogando a peteirarse e durmindo xunta deles, como vedes nalgunha imaxe.
O martes pola mañá, como xa dixemos había un novo pito e polo medio da mañá naceu o segundo parrulo nun visto e non visto. O parrulo maior foille enseguida a picar nas plumas porque aínda as tiña molladas do interior do ovo e ata parece que recoñeceu de inmediato a outro da súa especie! 
Agora (martes pola tarde) agardamos que nazan máis parrulos, pois agora quedan tres ovos e, polo que vimos, hai vida dentro deles. Ánimo parrulos, que podedes!
Se queredes saber que tipo de pitos temos, dirémosvos que se trata das chamadas galiñas araucanas ou galiñas mapuches, unha variedade que procede do sur de Chile e que agora ten moita demanda no noso país, por semella que os seus ovos (que teñen cor azul) son mellores para o colesterol e ata din que son moi ricos. Pero nós, claro, non os imos comer, se non que os imos coidar durante uns días e despois buscarémoslles un fogar no que podan vivir contentos e felices. 
Respecto aos parrulos, son parrulos domésticos (Anas platyrhynchos domesticus), e tamén imos disfrutar da súa compañía uns días e despois imos buscarlles tamén un lugar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario