martes, 7 de novembro de 2017

Compostaxe con Adega












Compostaxe con Adega 
Este pasado xoves recibimos a visita de dous representantes de Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) quen, en colaboración co Concello de Santiago, están a desenvolver un programa de asesoramento aos centros educativos sobre a compostaxe. Ao noso colexio trouxeron dous composteiros, un contedor de estruturante (restos de madeira...) e outros materiais (caldeiros, luvas, rastrillo e manuais sobre compostaxe) e nos ensinaron como levar a cabo correctamente este proceso de compostaxe. Foi moi interesante. Tamén falamos da separación do lixo, dos diferentes contedores e do seu uso correcto, dos restos que deben ir aos puntos limpos e de como proceder cando nos desfacemos dun electrodoméstico. 
No noso colexio os alumnos e as alumnas de 3º de Educación Primaria vanse encargar de recoller os restos orgánicos procedentes das merendas do alumnado e alimentar os composteiros para conseguir un compost de calidade. Aínda que, como xa sabedes, levamos algúns anos producindo o noso compost, agradecémoslle a Adega a súa aportación, pois nos axudaron a mellorar no noso traballo de compostaxe. 
Nestas imaxes podedes comprobar que este ano xa temos producido compost. Ver o compost que aparece no composteiro é un fenómeno espectacular, pois fomos botando restos (que normalmente soemos botar no caldeiro do lixo), e agora atopámonos cunha substancia coa textura da terra e que arrecende moi ben! Desde aquí queremos animarvos a que quen poidades fagades compostaxe na vosa casa, pois estaredes contribuíndo ao ciclo da natureza no mesmo lugar onde vivides. 
Así mesmo, tamén vos animamos a que fagades a separación do lixo, xa que deste xeito contribuímos a que se poida reciclar unha boa parte do lixo que producimos e a preservar un entorno máis limpo e natural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario