venres, 28 de febreiro de 2020

Novas plantas, febreiro 2020

Este martes pasado, recibimos un montón de plantas que noou o Servizo de Parques e Xardíns do Concello de Santiago. Ao longo da semana fomos plantando parte destas plantas, coa axuda do alumnado de 6º e 4º de Educación Primaria, que traballaron moi ben. Aínda nos queda traballo para plantar todas as plantas, labor que continuamos hoxe, na volta das vacacións do Entroido e que seguiremos nestes próximos días, tal é a cantidade de plantas que temos! 
Moitas grazas ao Servizo de Parques e Xardíns do Concello de Santiago!!
Gracias a eles trouxemos as seguintes plantas:
  • Coprosma repens (Planta espello)
  • Cornus sanguinea (Sanguino)
  • Cotoneaster tomentoso
  • Euonymus japonicus (Evónimo)
  • Nandina domestica (Bambú sagrado)
  • Santolina chamaecyparissus
  • Pieris japonica (Andrómeda)
  • Solidago virga-aurea (Vara de ouro)
  • Photinia
  • Lavandula angustifolia (Lavanda)
  • Rosmarinus oficinalis (Romeu)










mércores, 19 de febreiro de 2020

E ti, que deporte fas?

Ola a todas e a todos. Hoxe imos iniciar unha nova sección que leva o título: “E ti, que deporte fas?”. A idea é que quen queirades, tanto alumnas e alumnos como nais, pais, avoas, avós... nos contedes que deporte practicades e que significa para vós. Se vos serve de axuda e queredes, podedes ir contestando, por exemplo, ás seguintes preguntas, pero se preferides contárnolo doutra maneira, adiante.
As preguntas poderían ser estas:
Que deporte practicas?
Desde cando fas este deporte?
Por que empezaches a practicalo?
Como te sentes cando fas deporte?
Que ten de bo para a saúde?
Que aprendiches practicando este deporte?
Que competencias, habilidades, valores... cres que ensina ou transmite o teu deporte?
Por favor, enviade as vosas colaboracións ao colexio a traveso das vosas fillas e os vosos fillos no formato que estimedes oportuno. Despois nós (profesorado e alumnado ) irémolas publicando.
Coa vosa participación estades animando a moitas persoas e a moitas rapazas e rapaces a levar unha vida sa e activa, e a transmitir valores que van ser importantes nas súas vidas. Gracias pola vosa participación, esperámosvos!

venres, 14 de febreiro de 2020

Traballo con plantas

O venres 7 de febreiro as alumnas e os alumnos de 5º de Educación Infantil e de 4º e 6º de Educación Primaria estiveron traballando no patio do colexio plantando plantas e amañando varios espazos do mesmo. Así, plantaron diferentes variedades de plantas con flor: violas tricolor en macetas que podedes ver no parterre que está na entrada do edificio norte, ciclame, viola tricolor e bulbos de tuipáns, nos hortos de madeira escalonados a carón da entrada do edificio sur, e diferentes variedades no pequeno xardín intermedio entre ambas as pistas do patio. Tamén amañaron a zona do areeiro e limparon todas as macetas de barro que temos no colexio. Foi un gran traballo por parte de todas e todos, moitas gracias polo voso esforzo!!





luns, 3 de febreiro de 2020

Día da Candeloria

Este pasado domingo, 2 de febreiro, foi o Día da Candeloria, que preludia a chegada da primavera sinalando a metade do inverno. Segundo a tradición:

Cando a candeloria hora,
medio inverno vai fóra.
Que chore, que deixe de chorar, 
medio inverno está por pasar.

Dise que neste día casan os paxaros. A partir da Candeloria, ningunha ave soa, di un refrán. De aquí en adiante, retornan as aves migratorias e comezan os cortexos das aves, anunciando así o renacer da primavera.

luns, 27 de xaneiro de 2020

BURBULLAS DE XABÓN


O xoves pasado as alumnas e os alumnos de 4º de Educación Primaria, seguindo co seu traballo de investigar as propiedades da auga saíron ao patio a facer burbullas de xabón xigantes e, tamén, se divertiron! Empregaron dous paus de fregona, aos que ían suxeitos dous cordeis e, para a preparación xabonosa mesturáronse nun caldeiro auga, unha parte de xabón lavalouzas e outra de glicerina. O resultado foi moi divertido! Ese día e o venres a experiencia fíxose extensiva ao alumnado de Edudación Infantil, que tamén o pasaron moi ben!





Foguete de auga


A semana pasada, o alumnado de 4º de Educación Primaria levou a cabo o lanzamento do noso foguete espacial cunha botella de auga. Ben, en realidade foron varios lanzamentos, e en todos os casos acadouse o éxito! Para iso utilizaron unha botella de plástico, un tapón de cortiza e unha bomba para inflar balóns ou rodas de bicicleta. O resultado é espectacular, pois lanzamos o foguete a varios metros de distancia.

Enchemos a botella ata aproximadamente un terzo de auga e metemos aire a presión na botella. O resultado é que a botella vese impulsada pola presión da auga, e é unha demostración da terceira lei de Newton: toda acción produce unha reacción igual e contraria.




Plantando en macetas

Este pasado venres as alumnas e os alumnos de 2º de Educación Primaria estiveron traballando preparando e plantando nas macetas do patio. Traballaron moi ben, e o resultado é que o patio está moito máis chulo que antes!