martes, 24 de marzo de 2020

EXPERIMENTO PARA OBSERVAR O FOTOTROPISMO

QUE PRECISAMOS. MATERIAIS
  • Xudías ou chícharos
  • Vaso pequeno
  • Unha caixa pequena (serve unha de zapatos)
  • Dous anacos de cartón
  • Tesoiras
  • Cinta adhesiva
  • Terra
PROTOCOLO. PASOS A SEGUIR
  1. Planta unha ou dúas sementes nun vaso pequeno con terra. Régao e deixa que medren durante uns días. 
  2. Se xa xerminou algunha das sementes que plantaches a semana pasada, métea no vaso xunto coa terra.
  3. Corta dous anacos de cartón máis curtos que o ancho da caixa e pégaos a diferente altura dentro da caixa. Así quedará un espazo libre para que a planta poida subir por aí.
  4. Fai un furado na parte de arriba da caixa.
  5. Pon o vaso na parte de abaixo da caixa e péchaa.
  6. Deixa a caixa nun lugar soleado durante varios días. Vai comprobando o seu crecemento e rega cada dous días.


QUE OBSERVAS?
Para as plantas é esencial atopar luz, pois precísans para producir enerxía. Foto significa luz. Neste experimento puxémoslle a planta uns obstáculos no seu camiño, que ela deberá superar.

domingo, 22 de marzo de 2020

Día Mundial da Auga 2020


Hoxe, 22 de marzo de 2020 é o Día Mundial da Auga. A auga, o noso ben máis precioso, do que se dan conta, sobre todo, as persoas que non teñen acceso á auga potable, uns 2 200 millóns de persoas no noso planeta.

Nós agora apreciamos o seu importantísimo valor para conter a propagación do COVID-19, que nos obriga a lavarnos as mans constantemente.


A auga, ademais, esta vencellada ao cambio climático, e o noso uso responsable da mesma pode axudar a reducir as inundacións, as secas, a escaseza e a contaminación.
Se queres saber máis sobre esta celebración, aquí tes a páxina das Nacións Unidas.


mércores, 18 de marzo de 2020

Suxestións para este tempo


Ola a todas e a todos! Que tal levades a corentena? Espero que todo vos vaia ben e que levedes ben o encerro. Nestes momentos difíciles temos que dar o mellor de nós, cumprindo coas normas sanitarias, extremando a limpeza, axudando ás nosas familias no que sexa necesario e mantendo a tranquilidade.
É moi útil facer un horario de tarefas, pois se nos mantemos en actividade e ocupamos o noso tempo dunha maneira ordenada pasaremos os días case sen darnos conta. O horario podería ser deste tipo:
8:30 - 9:30
Almorzo, aseo, facer a cama, ordenar a habitación.
9:30 - 11:00
Estudo, traballo.
11:00 - 11:30
Exercicio físico.
11:30 – 13:00
Xogo.
13:00 – 13:30
Axudar nas tarefas da casa.
13:30 – 14:30
Xantar.
14:30 – 16:30
Sobremesa, xogos en familia, lectura...
...
Este é so un exemplo, pois depende dos costumes de cada familia, da idade das rapazas e os rapaces, de quen vivades na casa... Pero é moi importante organizar o noso tempo.

Claro que é importante xogar, coas nosas irmás e irmáns, se temos, e co resto da familia. Hai moitos xogos que se poden facer na casa (cartas, parchís, xadrez, damas, formapalabras...) e moitos que vos coñezades ou mesmo inventedes. Tamén se pode debuxar, pintar, facer cousas con material de refugallo...
E, por suposto, ler. É moi boa época para ler, individualmente, pero tamén se pode facer lectura compartida, ou que alguén lea e os demais escoiten. Podemos falar das nosas lecturas, compartir historias... Do mesmo xeito, podemos contarnos contos, soños...
Ah, tamén é moi importante manterse en forma! Aquí tedes un vídeo que daravos algunhas ideas para facer exercicio na casa:


Desde o horto do Xixirei, ademais, propoñémosvos levar a cabo proxectos e experimentos científicos con materiais e ingredientes que temos na casa. E como xa vai ser a primavera, pasado mañán, 20 de marzo, ás 4 horas e 50 minutos hora oficial peninsular, podemos empezar por facer algunha actividade relacionada con este tempo.
É un bo momento para plantar sementes, podemos comezar a plantar diferentes tipos: as sementes que atopamos na froita que comemos, podemos coller uns poucos legumes (lentellas, garavanzos, fabas...), ou mesmo outros tipo de sementes que teñamos por casa (noces, sementes de árbores que colléramos no outono...). Serviranos calquera envase, como vasos de iogur, bricks do leite, pequenas macetas... e a plantar!
Todas estas plantas, cando xerminan e medran, sérvenos para estudar o mundo das plantas.
Se queredes ver como xerminan algunhas, podedes plantalas en botes de cristal pegadas ao cristal para observar como nacen e comezan a medrar.
Moitas destas sementes medrarán rápido, como as lentellas, outras irán un pouco máis lentas, como as fabas, e a outras levaralles máis tempo, como as sementes de mazán.
Cando saian da terra podemos observar as súas primeiras follas, como van medrando (podedes ir medindo cunha regra o seu crecemento cada pouco tempo), comprobar se as seguintes follas son diferentes ou non das primeiras...
Nesta páxina podedes atopar experimentos moi interesantes para facer con sementes, esperamos que vos gusten: 
Ata pronto e ánimo!

mércores, 11 de marzo de 2020

Traballo no horto e na lagoa

Estes días estamos a traballar arreo no horto, plantando novos arbustos e plantas, moitas delas doadas polo servizo de parques e xardíns do Concello de Santiago. Ademais, o alumnado de 6º e 4º de Educación Primaria, e o alumnado de Educación Infantil, estiveron preparando o terreo para ampliar a lagoa, que vai dobrar en tamaño nestes días. Estiveron traballando duro nesta tarefa! Tamén traballaron preparando o terreo dentro do invernadorio, que agora imos cubrir coa malla antiherba, para poder plantar en breve hortalizas e verduras. 






martes, 10 de marzo de 2020

Plantamos bulbos e sementes

Onte, luns 9 de marzo, o alumnado de Educación Infantil estivo plantando bulbos e sementes en macetas. Foi un bo traballo, enchendo as macetas de terra e plantando. Unha vez que teñan brotado plantarémolas por todo o patio, pois van dar flores moi coloridas que van a alegrar o recinto escolar coa vindeira chegada da primavera, que xa queda pouco!



venres, 28 de febreiro de 2020

Novas plantas, febreiro 2020

Este martes pasado, recibimos un montón de plantas que noou o Servizo de Parques e Xardíns do Concello de Santiago. Ao longo da semana fomos plantando parte destas plantas, coa axuda do alumnado de 6º e 4º de Educación Primaria, que traballaron moi ben. Aínda nos queda traballo para plantar todas as plantas, labor que continuamos hoxe, na volta das vacacións do Entroido e que seguiremos nestes próximos días, tal é a cantidade de plantas que temos! 
Moitas grazas ao Servizo de Parques e Xardíns do Concello de Santiago!!
Gracias a eles trouxemos as seguintes plantas:
  • Coprosma repens (Planta espello)
  • Cornus sanguinea (Sanguino)
  • Cotoneaster tomentoso
  • Euonymus japonicus (Evónimo)
  • Nandina domestica (Bambú sagrado)
  • Santolina chamaecyparissus
  • Pieris japonica (Andrómeda)
  • Solidago virga-aurea (Vara de ouro)
  • Photinia
  • Lavandula angustifolia (Lavanda)
  • Rosmarinus oficinalis (Romeu)










mércores, 19 de febreiro de 2020

E ti, que deporte fas?

Ola a todas e a todos. Hoxe imos iniciar unha nova sección que leva o título: “E ti, que deporte fas?”. A idea é que quen queirades, tanto alumnas e alumnos como nais, pais, avoas, avós... nos contedes que deporte practicades e que significa para vós. Se vos serve de axuda e queredes, podedes ir contestando, por exemplo, ás seguintes preguntas, pero se preferides contárnolo doutra maneira, adiante.
As preguntas poderían ser estas:
Que deporte practicas?
Desde cando fas este deporte?
Por que empezaches a practicalo?
Como te sentes cando fas deporte?
Que ten de bo para a saúde?
Que aprendiches practicando este deporte?
Que competencias, habilidades, valores... cres que ensina ou transmite o teu deporte?
Por favor, enviade as vosas colaboracións ao colexio a traveso das vosas fillas e os vosos fillos no formato que estimedes oportuno. Despois nós (profesorado e alumnado ) irémolas publicando.
Coa vosa participación estades animando a moitas persoas e a moitas rapazas e rapaces a levar unha vida sa e activa, e a transmitir valores que van ser importantes nas súas vidas. Gracias pola vosa participación, esperámosvos!