mércores, 16 de outubro de 2019

Día Internacional da Alimentación

Hoxe é o Día Internacional da Alimentación, unha data para lembrar que no mundo existe un gran problema na alimentación. Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas) para a Alimentación e a Agricultura),  nas últimas décadas cambiamos drasticamente as nosas dietas e hábitos alimentarios. Pasamos de comer alimentos de temporada a base de plantas e ricos en fibra a consumir dietas hipercalóricas con alto contido en produtos refinados, azúcar, graxas, alimentos elaborados, carne e outros produtos de orixe animal. Isto ten disparado as tasas de obesidade, non so nos países desenvolvidos, se non tamén nos países de baixos ingresos, onde coexisten a miúdo a fame e a obesidade. Agora, máis de 672 millóns de adultos e 124 millóns de rapazas e rapaces (de 5 a 19 anos) son obesos, e máis de 40 millóns de rapazas e rapaces menores de 5 anos teñen sobrepeso, mentres que máis de 820 millóns de persoas padecen fame.
Se queredes ter máis información sobre este tema podedes visitar a páxina da FAO neste
 enlace.
No noso colexio estamos moi sensibilizados en fomentar hábitos de vida saudables. Así, neste curso imos desenvolver un programa e diversas actividades sobre alimentación saudable. Ademais, levaremos a cabo un programa de actividades deportivas co obxectivo de facer ver que a actividade física tamén é moi importante para a nosa saúde e a das nosas rapazas e rapaces.

venres, 11 de outubro de 2019

COMPOSTAXE

Neste curso, como en cursos pasados, seguimos facendo o noso propio compost. Para iso estamos a recoller os restos orgánicos de orixe vexetal que producimos coas nosas merendas e botámolos no composteiro. Ademais, engadímoslle outros restos como follas ou pequenas polas en anacos. Finalmente, remexemos os restos para facicilitar que o proceso de compostaxe vaia máis rápido, e tamén vixiamos a temperatura e que haxa suficiente humidade.
Aínda que todas e todos colaboramos na compostaxe, as alumnas e os alumnos de 3 de Educación Primaria son quen se encargan do proceso final, que é levar os restos e verificar que todo vaia ben no composteiro.

xoves, 3 de outubro de 2019

Limpeza no río Sionlla

Onte despois do recreo as alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria foron facer limpeza nun anaco do río Sionlla, preto do colexio, no lugar de As Pontes. Recolleron varias bolsas grandes de lixo. Foi unha xornada moi divertida, e tamén moi gratificante, porque traballaron para preservar e coidar o medio ambiente. 
Non é a primeira vez que vimos a este lugar  a traballar e seguiremos vindo, pois xa hai tempo decidimos acoller este tramo como parte da nosa labor de protección da contorna próxima ao noso colexio.
Agradecemos a asociación ADEGA o seu asesoramento e sumámonos á súa convocatoria de limpeza de ríos, aínda que finalmente fixémolo noutra data da prevista, pois o día que fixáramos, o pasado venres, non ía moi bo tempo!
Este curso, ademais, temos pensado estudar algúns ecosistemas relacionados coa auga, como o deste río e o da nosa lagoa. Tamén imos investigar sobre as propiedades da auga.
Vémonos na próxima actividade de coidado do medio ambiente!




martes, 24 de setembro de 2019

Kalanchoe daigremontiana

Que vos parece esta planta que ven de nacer hai pouco tempo nesta bota? Non foi causalidade, pois no curso pasado as alumnas e os alumnos de Educación Infantil levaron a cabo unha actividade de plantación en zapatos vellos. Esta planta que vedes aquí chámase Kalanchoe daigremontiana, ou aranto, unha planta suculenta (chamada así porque as súas follas acumulan auga) e moi curiosa.

luns, 23 de setembro de 2019

COMEZOU O OUTONO!!

O outono chegou hoxe ás 5 horas e 50 minutos, hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Este outono durará 89 días e 20 horas, e rematará o 22 de decembro co comezo del inverno.
Veremos Marte ao amencer durante todo o outono e, despois de que se poña o Sol, poderemos ver Venus, Saturno e Xúpiter.
O outono é a estación na que a duración do día acórtase máis rapidamente. Na península o Sol sae polas mañás más de un minuto despois que o día anterior, e pola tarde ponse más de un minuto antes. Así, o tempo do día (o que o Sol está por riba do horizonte) diminúe case tres minutos cada día!
Neste outono vai haber tres lúas cheas: unha o 13 de outubro, a segunda o 12 de novembro e, finalmente, a terceira o 12 de decembro. 
Por outra parte, o vindeiro 8 de outubro terá o seu máximo a primeira chuvia de meteoros importante do outono, a das Dracónidas. A chuvia das Leónidas estará no seu máximo a noite do 17 de novembro. Por último, a noite do 14 de decembro estará no seu apoxeo a chuvia das Xemínidas. Esperamos poder ver algunha delas se o ceo está despexado algunha desas noites!
Finalmente, o cambio de hora para o horario de inverno será ás 3 da madrugada do domingo 27 de outubro, momento no que teremos que retrasar o reloxo ata as 2 da madrugada. Así, ese día vai ter oficialmente unha hora máis.
Información obtida utilizando como fonte a páxina do Instituto Xeográfico Nacional, https://astronomia.ign.es/

luns, 16 de setembro de 2019

Época de uvas!

Neste mes está a facerse a vendima en gran parte de Galicia. Como sabedes, a vendima é a recollida da uva. Estes meses próximos son o mellor momento para comer uvas.
É mellor comelas con pel, pois alí concéntranse gran parte dos seus beneficios. As uvas son moi boas para a saúde, poir teñen antioxidantes, que axudan a rexenerar as células, tamén teñen moita fibra e agua, que favorece o traballo dos intestinos, son dexitosicantes do fígado, protexen o ril, pois axudan a eliminar o ácido úrico. Ademais, como teñen azúcares apórtannos moita enerxía.


venres, 13 de setembro de 2019

Benvidas e benvidos ao novo curso!

Benvidas e benvidos ao novo curso 2019-2020!
Neste curso temos moitos proxectos e actividades que facer con relación ao medio ambiente e a ciencia. Seguimos participando no proxecto de Voz Natura, como en cursos anteriores. Imos seguir traballando no horto e nos espazos verdes do colexio, temos previso ampliar a nosa lagoa, traballaremos e investigaremos diferentes temas, algúns relacionados co consumo responsable, a alimentación saudable, a reciclaxe e a compostaxe... Tamén, como neste curso o proxecto da nosa biblioteca vai ter relación coas olimpiadas e o deporte, imos facer actividades deportivas relacionadas co medio ambiente... En fin, que este curso vai ir completo de propostas!
Así que, ánimo a todas e a todos! O medio ambiente e o noso planeta precisa de todos os nosos esforzos para que se preserve a natureza, da que todas e todos nós somos parte.