luns, 11 de marzo de 2019

MARZO 2019


Marzo é o terceiro mes do ano no noso calendario, e ten 31 días. O seu nome deriva do latín Martius, que era o primeiro mes do calendario romano. Martius, á súa vez, derívase de Mars, o nome en latín de Marte, deus romano da guerra.


O 20 de marzo, ás 22h 58m hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento)comezará a primavera. Durará 92 días e 18 horas e remata o 21 de xuño, co comezo do verán.
En toda a primavera Marte será visible despois de poñerse o Sol. Ao mencer veremos Venus, Saturno e Xúpiter, que será visible durante toda a noite cara fins da primavera. Nesta estación non haberá ningún eclipse, nin de Sol nin de Lúa.

Tamén teremos que cambiar a hora, polo que poderemos aproveitar máis as horas de luz pola tarde. O día 27 de marzo ás 2:00 da mañá o reloxo cambiarase ás 3:00 da mañá. Así teremos máis horas de luz polas tardes, mentres que pola mañá amencerá máis tarde. O cambio horario prodúcese dúas veces ao ano e o seu obxectivo é aforrar enerxía.
Marzo adoita ser un mes moi cambiante, con días moi chuviosos e fríos e outros asollados e primaverais. Tamén soe aumentar a temperatura media, aínda que as mañás seguirán a ser frescas. Por outro lado, soe ser un dos meses máis ventosos na nosa Comunidade.
Ao ser un mes de transición entre o inverno e a primavera, disporemos de froitas e verduras de tempada como as acelgas, tomates, amorodos ou xudías verdes
Neste mes celebramos o Entroido, que finalizou o pasado mércores 6, o Mércores de Cinza.
Entre as celebracións que se levan a cabo este ano destacan as seguintes datas:

  • 3 de marzo - Día Mundial da Natureza
  • 8 de marzo - Día Internacional das Mulleres
  • 21 de marzo - Día Mundial dos Bosques
  • 21 de marzo - Día da Poesía
  • 22 de marzo - Día Mundial da Auga
  • 27 de marzo - Día Internacional do Teatro
O día 19 de marzo, San Xosé, ademais, é festivo en Galicia, e noutras comunidades (Comunidade Valenciana, Murcia, Navarra e País Vasco.

Informacións obtidas das seguintes páxinas:
https://es.wikipedia.org/wiki/Marzo
https://astronomia.ign.es/inicio-de-las-estaciones
https://noticias.eltiempo.es/10-cosas-debes-saber-del-mes-de-marzo/

xoves, 28 de febreiro de 2019

AMENDOEIRA EN FLOR

A nosa amendoeira (Prunus amygdalus) xa botou flor. A que está moi bonita? Desexámoslle que viva un novo ciclo con moita saúde e que nos dea moitas améndoas!

luns, 25 de febreiro de 2019

Plantando bulbos

O xoves pasado alumnos e alumnas de 2º de Educación Primaria plantaron bulbos nos bordos axardinados do parque infantil e nalgúns outros recunchos do patio. Esperamos que broten pronto e poidamos disfrutar dun patio con moitas cores!

mércores, 20 de febreiro de 2019

Limpeza da lagoa

O pasado venres as alumnas e alumnos de Educación Infantil e de 6º de Educación Primaria estiveron colaborando na limpeza da lagoa do colexio. Ademais, plantaron plantas que pronto nos darán flor arredor do horto. 

xoves, 14 de febreiro de 2019

Entrega de leitugas

Esta mañán unha parte das alumnas e os alumnos de 6º levaron cadansúa leituga a casa, os demais levaranas a semana que ven, pois algunhas aínda teñen que medrar un pouco. Estas son leitugas que plantaron estas alumnos e alumnos hai un tempo no invernadoiro do noso horto. Esperamos que lles gusten!

Son unha variedade de leituga chamada leituga maravilla (Lactuca Sativa, variedade Capitata). Como outras variedades de leituga, ten moita auga, ata un 95%. Ademais, é un alimento rico en ácido fólico, vimanina C, provitamina A, ferro, fósforo, potasio, aminoácidos, fibra, carbohidratos e ata algo de proteína. Así que, a comer leituga, que é moi saudable!!

E ademais estas leitugas cultiváronse sen botarlle ningún tipo de producto químico sintético, pero si con compost elaborado no colexio, a partir dos restos de vexetais que consumimos. Así, pois, son leitugas ecolóxicas!


PLANTANDO UNHA FIGUEIRA


Onte coas alumnas e cos alumnos de Educación Infantil plantamos unha figueira. A figueira (de nome científico Ficus Carica) é unha árbore que parece que procede de Asia e que se cultiva en Galicia desde a antigüidade. É unha árbores moi antiga (acháronse nove figos fosilizados datados arredor de 9400-9200 a. C. nun poboado neolítico, no Val do río Xordán).
Esta figueira regaláranola Iria, a profesora que estivera traballando con nós o curso pasado realizando un proxecto da Universidade de Santiago (USC) que levaba por título “Identidade de lugar”. Moitas gracias Iria, desexámoste moita sorte e gustaríamos de que volveses a traballar novamente con nós!


É unha árbore caducifolia (perde as follas no inverno) que despois de florecer na primavera produce uns froitos, os figos que podemos consumir frescos pero que tamén podemos comer secos. Aos primeiros figos que producen as figueiras chámanselle brevas, pois as figueiras normalmente dan froito dúas veces ao ano. As brevas e os figos teñen moito azucre e vitaminas, sobre todo vitamina A. Tamén posúen gran cantidade de auga, son ricos en hidratos de carbono, teñen moita fibra e minerais (como o potasio, magnesio e calcio).
A figueira estivo presente sempre na nosa cultura popular, hai moitos ditos, refráns, cantigas, locucións... que fan referencia á figueiras e aos seus froitos. Por exemplo:
En tempo de figos non faltan amigos.
Cando hai uvas e figos amaña os teus vestidos.
Canta a rula, canta a rula,/ por riba dunha figueira;/ a rula canta e eu choro/ por non atopar quen me queira.
Tamén existe a expresión estar seco como un figo, que quere dicir que se está mirrado, murcho.
En Galicia tamén hai moitos lugares con nomes relacionados coas figueiras: Figueiras, Figueirido, Figueiredo, Figueiroa, Figueiroá...





luns, 4 de febreiro de 2019

Plantando leitugas no invernadoiro












O pasado mércores as alumnas e os alumnos de 1º de Educación Primaria foron plantar leitugas ao invernadoiro do horto. Plantaron leituga crechas e leitugas marabilla (Lactuca Sativa). Traballaron moi ben!! Agora so queda cuidalas.