mércores, 10 de outubro de 2018

Ourizocachos!!







Este martes pola mañán a mamá de Mateo de 3º trouxo ao colexio dous ourizocachos que apareceron na súa casa para que os poidéramos observar no colexio. Despois, naturalmente, foron devoltos ao campo, onde teñen que vivir en liberdade. Ademais de observalos, na aula de 3º buscaron información sobre estes animais e foron contándoa polas demais aulas do colexio. Aprendemos, por exemplo, que comen insectos, verduras e froitas pero, coidado, algunhas froitas lles fan mal, non poden comer nin uvas, nin piña nin sandías. Tampouco alimentos con lactosa. 
Hai algúns cursos aparecera no terreo do colexio un ourizocacho que estaba ferido. Chamáramos ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e viñeran buscalo para tentar curalo, pois é unha especie protexida. Se vós atopades algún con mostras de estar ferido o mellor debedes chamar a este servizo no canto de tentar curalo en casa. Ademais, son animais salvaxes que precisan vivir en liberdade, non son ningunha mascota, para iso xa hai moitos animais domésticos que si o son, como os cans ou os gatos.
O ourizocacho (Erinaceus europaeus) é un mamífero insectívoro, gústalle vivir en lugares con moita vexetación e é frecuente en Galicia. Soe buscar os alimentos pola noite, e polo día pasa o tempo oculto en niños. Camiña moito e sabe nadar. Cando se sente ameazado enrodélase sobre si mesmo amosando cara fóra  as súas púas. Os pesticidas que se empregan na agricultura e o tráfico das estradas son os seus peores inimigos. Podedes ler máis información, por exemplo, na wikipedia, https://gl.wikipedia.org/wiki/Ourizo_cacho ou en www.faunaiberica.org/erizo-europeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario