luns, 25 de novembro de 2019

BROCHETAS DE FROITA







A semana pasada, as alumnas e os alumnos de Educación Infantil fixeron unha saborosa merenda con froita. Tamén fixeron xogos como o de Que froita falta?

luns, 18 de novembro de 2019

COMPOSTAXE

Durante este curso seguimos coa actividade de compostaxe. Como sabedes, as alumnas e os alumnos de 3º de Educación Primaria encárganse de controlar o proceso de compostaxe, recollendo os restos das aulas, levándoos ao composteiro, mesturándoos con outros elementos, como follas de árbores, anacos de madeira..., e controlando o estado de compostaxe, a temperatura ou os animais que traballan dentro do composteiro.
Como sabedes, temos varios composteiros. Pois xa temos cheo un deles e comezamos a encher o segundo, e iso é porque cada vez consumimos máis froita. A este aumento contribúe a nosa participación no programa de froita fresca do que falamos na entrada anterior.





Programa de froita no recreo

Neste curso estamos a participar no Programa de froita no recreo, subvencionado pola Consellería de Medio Rural e polo Fogga (Fondo galego de garantía agraria). Durante a semana pasada e esta estamos a recibir froita de temporada. Recibimos peras, mazáns, mandarinas e plátanos nesta ocasión. Traerán outra vez máis neste curso.
Como sabedes, comer froitas e verduras é moi importante para manter un bo estado de saúde. Segundo Organización mundial para a saúde (OMS), as froitas e as verduras son compoñentes esenciais dunha dieta saudable, e un consumo diario suficiente podería contribuír á prevención de enfermidades importantes, como as cardiovasculares e algúns cancros.
Un informe da OMS e a FAO (Food and agriculture organitation) recomenda como obxectivo para a poboación a inxesta dun mínimo de 400 gramos diarios de froitas e verduras (agás patacas e outros tubérculos feculentos) para previr enfermidades crónicas como as cardiopatías, o cancro, a diabetes ou a obesidade, así como para previr e mitigar varias carencias de micronutrintes.
Servizo Galego de Saúde (SERGAS), recomenda que tomemos, polo menos, cinco racións de verduras e froitas ao día. Ademais, que tomemos máis alimentos de orixe vexetal, variados e de todas as cores, e menos de orixe animal, entre outras recomendacións. Tamén lémbranos os beneficios de comer froitas e verduras. Podedes ampliar a vosa información en: 

venres, 15 de novembro de 2019

A MOER MILLO!

As alumnas e os alumnos de Educación Infantil saíro  a facer varias actividades a varios lugares da veciñanza. Un dos grupos da  foron á casa de Teresa e Pepe a moer o millo que despois debullaron. Teresa, que xa estaba esperando no camiño, convidounos a entrar na súa casa, ensinoullesas cebolas que enrrestraran, moi ben colgadas! Con Teresa e Pepe visitaron a casa, tan antiga que aínda conserva a lareira. Ensináronlles tres muíños diferentes, un de manivela e dous eléctricos. Pero o que máis lles sorprendeu foi ver a Teresa moer o millo coas mans. Como bulía! Despois a rapazada entregoulles un regaliño con todo o cariño e agradecemento.

O outro grupo foi á casa de José e Rosa, que moi amablemente lles atenderon, ensinaron e explicaron un montón de cousas. Viron o hórreo onde se garda o millo, unha vez esfollado. E descubriron que debaixo do hórreo había coellos. Tamén tiñan cabras, vacas, un cuxo, ovellas, un can e gatos. 
Botáronlle millo ao porquiño, que lle gustou moito! Contáronlles que hai uns utensilios para esfollar o millo, pero que eles sempre o fixeron á man. Ensináronlles a debulladora, obra de José, onde se mete a espiga do millo e xa saen os grans sós. 
Contáronlles que os carozos úsanos para encender o lume e de pequenos facían bonecas con eles. Unha vez debullado, usan dous muíños: un fai fariña e o outro millo tronzado (carozo e grans). A nosa rapazada disfrutou moito axudando a José!
Rosa ensinoulles a peneirar para deixar a fariña limpa para poder facer filloas, empanada, pan e papas.
Finalmente as nosas alumnas e alumnos entregáronlles un regaliño con todo o  cariño e agradecemento. E Teresa e Pepe tiñan unhas rosquilliñas de agasallo!
Moitas gracias polo voso cariño e amabilidade!
Se queredes ver máis imaxes e información da saída, ide ao blog da Rapazada de Lavacolla.

mércores, 6 de novembro de 2019

Samaín 2019




O pasado mércores 30 celebramos no noso colexio o Samaín. Previamente, días antes estivemos a decorar o centro, os corredores e, sobre todo, a entrada aos dous edificios, un traballo conxunto pero no que Carmiña, a nosa conserxe, traballou arreo. Durante esa semana, as alumnas e os alumnos que quixeron foron traendo cabazas decoradas das súas casas, coas que se fixo unha exposición, como ven sendo habitual en cursos pasados. Tamén houbo unha exposición de libros propios desta data. Finalmente, o alumnado de 6º de Educación Primaria foron visitando ás demais aulas, con disfraces propios da celebración e repartindo agasallos. Foi moi divertido. Nestas imaxes podedes ver algún detalles desta celebración.

luns, 4 de novembro de 2019

SAÍMOS NO XORNAL!

O pasado 29 de setembro saímos no xornal de La Voz de Galicia. A nova fala do noso traballo en relación ao coidado do medio ambiente, e dentro do proxecto Voz Natura en particular. Así, refírese ao noso traballo no horto, sobre alimentación saudable, as ecobrigadas ou a limpeza do río Sionlla, que levaron a cabo as alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Aquí tedes o enlace da noticia na edición dixital, pero tamén saíu no xornal de papel.

martes, 29 de outubro de 2019

Volta contra a leucemia infantil

Este pasado venres 25 de outubro participamos na V Volta aocole contra a lecucemia infantil, unha carreira solidaria organizada pola fundación Unoentrecienmil. A leucemia infantil é unha enfermidade que supón el 30% do cáncer infantil dos arredor de 300 casos diagnosticados ao ano en España. Desgraciadamente, dous de cada dez rapazas e rapaces seguen sen ter ningunha esperanza, ao non haber avances clínicos. Avances que so chegan a traveso da investigación e para iso fan falla cartos. Coa nosa participación e as nosas aportacións colaboramos para que avancen estas investigacións.
No noso centro fixemos tres carreiras, a primeira na que participaron alunmnas e alumnos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; máis adiante saíron  as rapazas e rapaces de Educación Infantil xunto coas nais, país e demais familiares que quixeron participar. Finalmente, correron as alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Pasámolo moi ben e queremos repetir!! Pero, non vos preocupedes que volveremos con máis!!
Agradecemos a Ricardo e Imaxson a súa axuda, quen nos fixo toda a montaxe da carreira dun xeito profesional, ata con quad! E todo de xeito gratuíto. Tamén lle agradecemos a Suso, da Federación Galega de Atletismo, pola súa colaboración desinteresada.
Moitas gracias Ricardo e Suso!!



mércores, 16 de outubro de 2019

Día Internacional da Alimentación

Hoxe é o Día Internacional da Alimentación, unha data para lembrar que no mundo existe un gran problema na alimentación. Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas) para a Alimentación e a Agricultura),  nas últimas décadas cambiamos drasticamente as nosas dietas e hábitos alimentarios. Pasamos de comer alimentos de temporada a base de plantas e ricos en fibra a consumir dietas hipercalóricas con alto contido en produtos refinados, azúcar, graxas, alimentos elaborados, carne e outros produtos de orixe animal. Isto ten disparado as tasas de obesidade, non so nos países desenvolvidos, se non tamén nos países de baixos ingresos, onde coexisten a miúdo a fame e a obesidade. Agora, máis de 672 millóns de adultos e 124 millóns de rapazas e rapaces (de 5 a 19 anos) son obesos, e máis de 40 millóns de rapazas e rapaces menores de 5 anos teñen sobrepeso, mentres que máis de 820 millóns de persoas padecen fame.
Se queredes ter máis información sobre este tema podedes visitar a páxina da FAO neste
 enlace.
No noso colexio estamos moi sensibilizados en fomentar hábitos de vida saudables. Así, neste curso imos desenvolver un programa e diversas actividades sobre alimentación saudable. Ademais, levaremos a cabo un programa de actividades deportivas co obxectivo de facer ver que a actividade física tamén é moi importante para a nosa saúde e a das nosas rapazas e rapaces.

venres, 11 de outubro de 2019

COMPOSTAXE

Neste curso, como en cursos pasados, seguimos facendo o noso propio compost. Para iso estamos a recoller os restos orgánicos de orixe vexetal que producimos coas nosas merendas e botámolos no composteiro. Ademais, engadímoslle outros restos como follas ou pequenas polas en anacos. Finalmente, remexemos os restos para facicilitar que o proceso de compostaxe vaia máis rápido, e tamén vixiamos a temperatura e que haxa suficiente humidade.
Aínda que todas e todos colaboramos na compostaxe, as alumnas e os alumnos de 3 de Educación Primaria son quen se encargan do proceso final, que é levar os restos e verificar que todo vaia ben no composteiro.

xoves, 3 de outubro de 2019

Limpeza no río Sionlla

Onte despois do recreo as alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria foron facer limpeza nun anaco do río Sionlla, preto do colexio, no lugar de As Pontes. Recolleron varias bolsas grandes de lixo. Foi unha xornada moi divertida, e tamén moi gratificante, porque traballaron para preservar e coidar o medio ambiente. 
Non é a primeira vez que vimos a este lugar  a traballar e seguiremos vindo, pois xa hai tempo decidimos acoller este tramo como parte da nosa labor de protección da contorna próxima ao noso colexio.
Agradecemos a asociación ADEGA o seu asesoramento e sumámonos á súa convocatoria de limpeza de ríos, aínda que finalmente fixémolo noutra data da prevista, pois o día que fixáramos, o pasado venres, non ía moi bo tempo!
Este curso, ademais, temos pensado estudar algúns ecosistemas relacionados coa auga, como o deste río e o da nosa lagoa. Tamén imos investigar sobre as propiedades da auga.
Vémonos na próxima actividade de coidado do medio ambiente!




martes, 24 de setembro de 2019

Kalanchoe daigremontiana

Que vos parece esta planta que ven de nacer hai pouco tempo nesta bota? Non foi causalidade, pois no curso pasado as alumnas e os alumnos de Educación Infantil levaron a cabo unha actividade de plantación en zapatos vellos. Esta planta que vedes aquí chámase Kalanchoe daigremontiana, ou aranto, unha planta suculenta (chamada así porque as súas follas acumulan auga) e moi curiosa.

luns, 23 de setembro de 2019

COMEZOU O OUTONO!!

O outono chegou hoxe ás 5 horas e 50 minutos, hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Este outono durará 89 días e 20 horas, e rematará o 22 de decembro co comezo del inverno.
Veremos Marte ao amencer durante todo o outono e, despois de que se poña o Sol, poderemos ver Venus, Saturno e Xúpiter.
O outono é a estación na que a duración do día acórtase máis rapidamente. Na península o Sol sae polas mañás más de un minuto despois que o día anterior, e pola tarde ponse más de un minuto antes. Así, o tempo do día (o que o Sol está por riba do horizonte) diminúe case tres minutos cada día!
Neste outono vai haber tres lúas cheas: unha o 13 de outubro, a segunda o 12 de novembro e, finalmente, a terceira o 12 de decembro. 
Por outra parte, o vindeiro 8 de outubro terá o seu máximo a primeira chuvia de meteoros importante do outono, a das Dracónidas. A chuvia das Leónidas estará no seu máximo a noite do 17 de novembro. Por último, a noite do 14 de decembro estará no seu apoxeo a chuvia das Xemínidas. Esperamos poder ver algunha delas se o ceo está despexado algunha desas noites!
Finalmente, o cambio de hora para o horario de inverno será ás 3 da madrugada do domingo 27 de outubro, momento no que teremos que retrasar o reloxo ata as 2 da madrugada. Así, ese día vai ter oficialmente unha hora máis.
Información obtida utilizando como fonte a páxina do Instituto Xeográfico Nacional, https://astronomia.ign.es/

luns, 16 de setembro de 2019

Época de uvas!

Neste mes está a facerse a vendima en gran parte de Galicia. Como sabedes, a vendima é a recollida da uva. Estes meses próximos son o mellor momento para comer uvas.
É mellor comelas con pel, pois alí concéntranse gran parte dos seus beneficios. As uvas son moi boas para a saúde, poir teñen antioxidantes, que axudan a rexenerar as células, tamén teñen moita fibra e agua, que favorece o traballo dos intestinos, son dexitosicantes do fígado, protexen o ril, pois axudan a eliminar o ácido úrico. Ademais, como teñen azúcares apórtannos moita enerxía.


venres, 13 de setembro de 2019

Benvidas e benvidos ao novo curso!

Benvidas e benvidos ao novo curso 2019-2020!
Neste curso temos moitos proxectos e actividades que facer con relación ao medio ambiente e a ciencia. Seguimos participando no proxecto de Voz Natura, como en cursos anteriores. Imos seguir traballando no horto e nos espazos verdes do colexio, temos previso ampliar a nosa lagoa, traballaremos e investigaremos diferentes temas, algúns relacionados co consumo responsable, a alimentación saudable, a reciclaxe e a compostaxe... Tamén, como neste curso o proxecto da nosa biblioteca vai ter relación coas olimpiadas e o deporte, imos facer actividades deportivas relacionadas co medio ambiente... En fin, que este curso vai ir completo de propostas!
Así que, ánimo a todas e a todos! O medio ambiente e o noso planeta precisa de todos os nosos esforzos para que se preserve a natureza, da que todas e todos nós somos parte.

mércores, 19 de xuño de 2019

Flores do colexio


Esta é a flor da feixoa (Acca sellowiana). A nosa feixoa, que xa é unha pequena árbore está florecendo. Á volta das vacacións de verán imos poder comer os seus saborosos froitos.

No noso colexio temos moitas hortensias (Hydrangea), que tamén están con flor nestes momentos, como esta planta, que loce estas fermosas flores.

Esta planta leva anos con nós, trátase do matagallo (Phlomis purpurea), unha planta con unha flor moi peculiar e que cada curso que pasa está máis fermosa.

Aquí tedes unha verónica (Hebe speciosa), con estas flores tan espectaculares. Hai varias destas plantas, e tamén levan moitos anos no noso colexio.
Esta é a flor do ceboliño (Allium schoenoprasum), outra planta que plantamos hai varios cursos no borde de aromáticas, a carón do invernadoiro.
Aquí podedes ver a flor do falso xasmín (Solanum laxum), unha planta trepadora que temos en varios lugares do colexio.

venres, 14 de xuño de 2019

Compost no colexio

Onte no horto as alumnas e os alumnos de 3º de Educación Primaria estiveron a traballar no horto acerca do compost. Estivo con nós Itziar, de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), quen nos axudou a estudar o compost que estamos a xerar neste curso. Con ela fixemos unha comprobación do estado do mesmo en canto a composición, animais presentes, presencia de residuos impropios... 
Vimos que no noso compost viven un montón de miñocas, bichos bola e diferentes insectos. Ata vimos un bicho bola con ovos na súa cola. Tamén aprendemos moito sobre as características das miñocas e do seu ciclo biolóxico.
Temos varias boas novas: no noso compost hai moita vida orgánica, o cal é moi bo para o proceso de compostaxe; ademais, hai moi poucos residuos impropios.
Fainos moi felices estar a producir este compost tan bo, pos estamos a contribuír á renovación da natureza. 
Moitas gracias Itziar! 





"Todo o que lle ocorra á Terra, ocorriralle aos fillos da Terra"
Xefe indio Seattle

xoves, 13 de xuño de 2019

A nosa crisálida converteuse en bolboreta!

Como sabedes hai un tempo atopáramos unha eiruga entre o fiuncho que colléramos para celebrar o Maio. Esta eiruga puxéramola nunha caixa para observala e alí se converteu nunha crisálida. Onte mércores, ao ver como ía, fixemos unha gran descuberta: a nosa crisálida transformárase neste preciosa bolboreta! A bolboreta, que recibe o nome de macaón, ten un gran colorido, é fantástica! Despois dun tempo ao aire libre votou a voar. Boa sorte!




venres, 7 de xuño de 2019

martes, 4 de xuño de 2019

Pitos e parrulos

Este luns pola mañá cando chegamos tiñan nacido xa o parrulo que vedes nas imaxes e tres pitos. Ao longo desa mañá naceron dous pitos máis, e pola tarde un terceiro, que conseguiu saír da casca sobre as cinco da tarde. Ao chegar pola mañá rapidamente puxemos unha caixa coa luz enriba, pois precisan máis calor durante os primeiros días de vida. Tamén lles puxemos auga e comida. Ao día seguinte naceu un pito pola madrugada e un segundo parrulo pola mañá. 
Nacer é un gran esforzo, os pitos teñen que conseguir furar a casca do ovo e ir rompéndoa aos poucos, e precisan descansar a cada pouco. Os parrulos, en cambio, non pican tanto a casca e máis ben ábrenlle regañas a forza de moverse. En calquera caso, non é fácil desprenderse da casca, que queda pegada ata o último momento! 
Despois de nacer tamén precisan descansar moito, e os pitos quedan durmidos a cada pouco, mentres que nos momentos que están espertos dedícanse a coñecer aos outros pitos, a comer e beber, e a fortalecer o seu corpo e, sobre todo, as súas patas.
O noso primeiro parrulo, que debeu nacer o domingo, comeu moito esa mañá e bebeu a miúdo. Así si que vai medrar rápido! Tamén fixo moita amizade con algúns dos pitos, xogando a peteirarse e durmindo xunta deles, como vedes nalgunha imaxe.
O martes pola mañá, como xa dixemos había un novo pito e polo medio da mañá naceu o segundo parrulo nun visto e non visto. O parrulo maior foille enseguida a picar nas plumas porque aínda as tiña molladas do interior do ovo e ata parece que recoñeceu de inmediato a outro da súa especie! 
Agora (martes pola tarde) agardamos que nazan máis parrulos, pois agora quedan tres ovos e, polo que vimos, hai vida dentro deles. Ánimo parrulos, que podedes!
Se queredes saber que tipo de pitos temos, dirémosvos que se trata das chamadas galiñas araucanas ou galiñas mapuches, unha variedade que procede do sur de Chile e que agora ten moita demanda no noso país, por semella que os seus ovos (que teñen cor azul) son mellores para o colesterol e ata din que son moi ricos. Pero nós, claro, non os imos comer, se non que os imos coidar durante uns días e despois buscarémoslles un fogar no que podan vivir contentos e felices. 
Respecto aos parrulos, son parrulos domésticos (Anas platyrhynchos domesticus), e tamén imos disfrutar da súa compañía uns días e despois imos buscarlles tamén un lugar.


luns, 3 de xuño de 2019

Naceron os pitos!

Xa comezaron a saír da casca os parrulos e os pitos! Polo momento ten nacido un parrulo, o primeiro que naceu, e catro pitos de galiña araucana. Neste momento está a saír un novo pito do seu ovo e algúns ovos máis están comezando a amosar regañas. É moi emocionante! Convidámosvos a que veñades velos. Están na aula de 3 anos, no edificio de infantil.



Visita das avoas e dos avós

Este venres pasado tivemos no colexio a visita das avoas e os avós do alumnado de Educación Infantil. E tamén viñeron dúas bisavoas! Foi moi emocionante que viñeran ao colexio e compartiran unhas horas moi entrañables con nós!  Contáronnos a que xogaban cando eran novas e novos, e como era a escola naquela época. Despois xogaron no patio cos rapaces e rapazas a un montón de xogos moi chulos prestados polo Concello de O Grove. Finalmente, rematamos a mañán bailando ao son da gaita do avó José e degustando unha rosca deliciosa. Moitas gracias por compartir con todas e todos nos este día tan especial!