mércores, 19 de decembro de 2018

As maceiras e as mazáns


A maceira (Malus domestica), é unha árbore da familia das rosáceas cultivada polo seu froito, a mazá. Parece ser que se comezou a cultivar hai xa varios miles de anos e que se introduciu en Europa na época do Imperio Romano. Hoxe en día existen unas 1000 variedades cultivadas, como resultado das moitísimas hibridacións entre as variedades silvestres.

As propiedades positivas que teñen as mazás para a saúde son innumerables, ata o punto que se lle ten considerado un alimento medicina: a mazá é rica en fibra, retén a auga e facilita a eliminación de toxinas, é un antiácido natural, renova a flora intestinal, é un dentífrico natural, ten un gran contido en taninos, que son antiinflamatorios, é abundante en vitamina C (unha mazá pode cubrir o 30% das necesidades diarias desta vitamina), vitamina E, potasio, fósforo...

Podes comer as mazáns crúas, pero tamén facer compota, e nas comunidades do norte de España faise a sidra a partir das mazáns.

A maceira era símbolo da sabedoría, a calma e a paz entre os druídas celtas. Unha maceira ten tanta vida que é quen de producir uns froitos moi grandes, aínda sendo ben pequena, como podedes ver nas maceiras que plantamos o ano pasado, que xa deron bos froitos este ano.


A maceira e as mazás teñen moita importancia na nosa cultura. Sabías que? 
  • A palabra pomada chámase así polo nome desta árbore en francés, pommier. Antigamente unha mestura de zume de mazá e aceite se usaba para curar feridas. 
  • A maceira é a árbore froiteira máis antiga que aparece na Biblia, pois Adán e Eva foron expulsados do Paraíso por probar o froito da árbore do coñecemento, que era unha maceira. 
  • A mazá aparece e contos, como o de Brancaneves e ten un papel fundamental no seu desenlace. 
  • A mazá da discordia na mitoloxía grega desata un enfrontamento entre as deusas Hera, Afrodita e Atenea
  • Isaac Newton comentou ao seu biógrafo William Stukeley, que usou a caída dunha mazá na súa horta como inspiración para formular a Lei da gravitación universal
  • O grupo The Beatles empregouna como logotipo para a súa compañía discográfica. 
  • O logotipo da empresa de informática Apple Inc. é unha mazá mordida e os seus computadores chámanse Macintosh (McIntosh é unha variedade de mazá). 
No cantigueiro podemos atopar cantigas como estas:

Pasei a Ponte de Ourense,
paseina de madrugada;
topei un anelo de ouro
i unha mazá colorada

Unha mazá vermelliña
posta na mesa do rei;
non collín outros amores
desque contigo falei

A carón da Casa das Ciencias da Coruña hai plantada unha maceira que seica é un exemplar clónico da que existe na que fora casa de Isaac Newton, como podedes ver na foto da placa que hai ao pe desta árbore. 



Gran parte desta información foi obtida nas seguintes páxinas: 
Tamen nos serviu de referencia o libro de Eric Brisbare "Un baño de bosque", de Alianza Editorial.

Inicio do inverno 2018

O inverno de 2018-2019 comezará o 21 de decembro ás 23h 23m hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Este día, pois, será o solsticio de inverno, é dicir, un dos momentos nos que o Sol, durante o seu movemento aparente na esfera celeste, está máis afastado do Ecuador.
Esta estación durará 89 días e 20 horas, e rematará o 20 de marzo co comezo da primavera.
Durante todo o inverno Marte será visible despois de poñerse o Sol. Ao amencer veranse Venus, Xúpiter e, desde de mediados de xaneiro, Saturno, que estará oculto pola Lúa a madrugada do 2 de febreiro.
A lúa chea do mes de decembro será o vindeiro día 22. A lúa chea, ou plenilunio, é unha fase luar que sucede cando o noso planeta Terra se encontra situado exactamente entre o Sol e a Lúa. Nalgúns lugares a esta lúa chámaselle Lúa Fría, Lúa de Xeada ou Lúa antes do Nadal. Esta Lúa vese alta no ceo porque está de fronte a un Sol moi baixo no horizonte.
Ao longo desta estación se producirán dous eclipses, un parcial de Sol que non será visible en España (so no nordeste de Asia e no norte do Océano Pacífico), os días 5 e 6 de xaneiro, e un total de Lúa o 21 de xaneiro, visible en Europa, África e América.
O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, é un bo momento para planificar o vindeiro ano e comezar a plantar os primeiros cultivos. Agora podemos plantar allos e bulbos de cebola, chícharos e fabas lobas. Podemos plantalas de xeito escalonado, por exemplo en tres veces entre decembro e febreiro, para que non nos veña todo o froito xunto.
Non debemos deixar o solo espido, pois as xeadas reducen a súa fertilidade. Se non imos plantar nada ata a primavera, podemos cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe...), que aumenta a actividade biolóxica e reduce a aparición doutras herbas, ademais, a súa descomposición será boa para a terra.
Esta información foi extraída das páxinas:

luns, 17 de decembro de 2018

Libros

Neste vídeo promocional preséntannos o libro "Escucha hablar a los árboles", de Peter Wohlleben, que vos aconsellamos recentemente. A ver que vos parece.


Para toda a familia

Neste vídeo Angel Carracedo, experto internacional en xenética, explícanos con linguaxe sinxela o mundo dos xenes. Moi interesante para ver toda a familia!


xoves, 13 de decembro de 2018

ABELLÓNS

Ata hai moi pouco, no noso horto había moitos abellóns, e estudamos algúns deles. Agora, coa chegada do frío, xa non os vemos. Son uns insectos moi interesantes, como veredes a continuación.

Os abellóns ou abesouros son insectos himenópteros que pertencen á familia das abellas (Apidae). Son moi peludos, e a súa cor, moi parecida ao das abellas, sérvelles para avisar aos depredadores que teñan coidado con eles. Os abellóns teñen aguillón pero normalmente non o utilizan.

Ao igual que as abellas, son insectos sociais, pero as súas colonias son menos numerosas que as das abellas. Tamén fan mel, pero gardan tanta cantidade como as abellas, pois todos os individuos morren ao chegar o inverno, agás a raíña, que sobrevive á estación.

Son insectos que polinizan (axudan a moitas plantas a reproducirse, levando grans de pole desde o gameto masculino dunha planta ata un gameto feminino onde está o óvulo). Así, por exemplo, utilízanse para polinizar tomates nos invernadoiros.

Sen embargo, moitas especies de abellóns están en perigo de desaparecer, e con eles moitas das plantas que polinizan.

Esta información, así como a terceira imaxe, foron extraídas da wikipedia.







mércores, 12 de decembro de 2018

Cans de Palleiro









Este luns viñeron ao noso colexio varios membros do Club de Raza “Can de Palleiro” acompañados por Loira unha cadela desta raza que nos causou unha moi grata impresión, polo educada que estaba, así como o seu dono e adestrador Iago. Patricia nos falou de moitas cousas sobre os cans que non sabíamos. Onte aprendemos moitas cousas sobre como comportarnos cos cans, cos que son nosos e cos de outras persoas. Lembráronnos que aínda que os cans están próximos a nós teñen comportamentos diferentes, pois son outra especie, e temo que actuar respectando estas características. Vimos de primeira man o importante que é que os cans estean educados (e os seus donos e donas tamén!). Ademais, aprendemos a coñecer e recoñecer os cans de palleiro, unha raza autóctona de Galicia, e totalmente adaptada ao noso entorno, pois naceu e desenvolveu aquí. E, por suposto, puidémolo pasar moi ben con Loira, que foi moi paciente e cariñosa con todos os rapaces e todas as rapazas. Agradecémoslle de corazón á esta asociación que compartise con nós a súa experiencia e coñecementos. Moitas gracias! En breve poderedes ver máis imaxes desta experiencia tan interesante!

Compostaxe con Adega










Onte estiveron no noso colexio María e Raquel, da Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA), quen, en colaboración co Concello de Santiago, están a traballar nos colexios sobre a compostaxe.
Estivemos comprobando como ía o proceso de compostaxe nos nosos composteiros, vimos a temperatura que había no seu interior, comprobamos a evolución do compost en dous composteiros, observamos algúns dos animais que están traballando para producilo, e verificamos que os restos que se foron botando eran axeitados ou non. Tamén cribamos o compost e, como podedes ver na última imaxe, temos un compost moi bo!
Agradecémoslles a María e Raquel todo o que aprendimos con elas sobre este proceso. Moitas gracias!

venres, 30 de novembro de 2018

Traballando na compostaxe





Hoxe ás alumnas e aos alumnos de 3º tocoulles ir traballar co composteiro, como todos os venres. Cada venres vai un pequeno grupo desta aula. Ademais de botar os restos vexetais que producimos no colexio, tamén se encargaron de recoller follas para botar no composteiro e así permitir que se faga un bo compost. E agora si que hai follas das nosas árbores!

O ceo en Lavacolla


Así estaba o ceo en Lavacolla hoxe ás 8:50 horas.  

mércores, 28 de novembro de 2018

Sementes de xinkgo

Aquí podedes ver froitos do xinkgo. Estes foron collidos en San Caetano e plantámolos hai pouco en macetas. O xigkgo (Ginkgo biloba) é considerado un exemplo de fósil vivinte, pois os xinkgos existen desde hai millóns de anos. É unha árbore que pode acadar os 50 metros de altura! Tamén é unha árbore moi resistente. Sabíades que un xinkgo sobreviviu á bomba atómica que destruiu a cidade de Hiroshima, en Xapón? Estaba tan so a un kilómetro do lugar da explosión! E hoxe en día aínda está vivo! Un exemplo de esperanza por un mundo en paz!

Que paxaros son?


luns, 26 de novembro de 2018

Petición de plantas

No colexio estamos a plantar o maior número posible de plantas aromáticas e medicinais, para ter unha gran variedade no noso horto. Polo momento estámolas a plantar en macetas, e despois na primavera plantarémolas fóra. Entre outras plantas, gustaríanos conseguir as seguintes:

  • Milenrama  
  • Axenxo
  • Axedrea
  • Salvia Piña
  • Perilla
  • Citronella
  • Cola de cabalo
Tedes algunha destas plantas e podedes darnos un fillo dela ou un esquexe? 




 

venres, 16 de novembro de 2018

AS ALUMNAS E OS ALUMNAS DE 2º NO HORTO







Onte as alumnas e os alumnos de 2º de Educación Primaria foron plantar ao invernadoiro. Plantaron coliflores e repolos. Tamén axudaron a limpar o entorno e botaron os restos de plantas, follas... no composteiro. Fixeron un bo traballo!

martes, 13 de novembro de 2018

VISITA Á FROITEIRÍA LUZ

Onte as alumnas e os alumnos de Educación Infantil foron camiñando á froiteiría Luz, que está preto do noso colexio. Alí aprenderon moitas cousas sobre as froitas, comeron algunhas e compraron laranxas. Polo camiño atoparon algúns familiares o observaron algunhas plantas.








Érbedo


Os nosos érbedos están en flor (temos dous, a carón do parque de Infantil). O érbedo (Arbutus unedo) é unha pequena árbore que en Galicia recibe moitos nomes (meroteiro, madroño, arbideiro, albedro... e moitos máis. Se queres ter información sobre esta árbore podes ver o artigo que hai sobre ela na wikipedia, por exemplo. 




martes, 6 de novembro de 2018

MARRAXO

Marraxo (Isurus Oxyrinchus),
Este luns a nai de Alén de 2º e Aimar de 3 anos tróuxonos ao cole unha quenlla (aos tiburóns en galego chámaselles quenllas). Neste caso é unha quenlla que recibe o nome de marraxo ou quenllón. En castelán soe chamarse marrajo ou mako.
É da mesma familia que a gran quenlla branca (teredes escoitado falar do gran tiburón branco) pero é máis pequena.
Vive mar afora e non é habitual que se achegue á ribeira. Habita a unha profundidade de entre 0 e 740 metros.

É unha quenlla grande, co corpo moi hidrodinámico (pois desprázase polo mar, se o fixese polo aire diríamos que sería moi aerodinámico) Ten un fociño rematado en punta e unha boca grande e estreita, como puidemos ver no colexio.
Pode chegar a ser bastante grande, pois pode acadar 4,5 metros de lonxitude, aínda que o máis normal é que estea entre 3,5 e 4 metros. Pode chegar a pesar de adulto ata 750 kg.

É ovovivípara, é dicir, os ovos desenvólvense dentro do corpo da nai e saen nadando do seu ventre.
Trátase dunha cazadora moi forte e rápida, e come todo tipo de presas: peixes (xardas, arenques, xurelos, sardiñas, bonitos, atúns vermellos, peixes espada...), calamares, outras quenllas, tartarugas mariñas, arroaces...
É moi agresiva, polo que é considerada perigosa para o ser humano, mesmo ten atacado a embarcacións. Pero ela mesma ten que ter coidado con outros depredadores, como as candorcas, contra as que non ten nada que facer.
Sobre todo, é moi rápida, pode acadar os 124 quilómetros por hora, polo que é considerada o peixe máis veloz dos océanos.
En Galicia o marraxo comémolo, este de feito nolo trouxeron dunha peixería. Ten un sabor moi apreciado, pode confundirse co mero ou co peixe espada, aínda que sexa moi diferente destes no seu aspecto exterior.
Nesta imaxe obtida da wikipedia podedes ver como é o marraxo 

venres, 26 de outubro de 2018

Seguimos plantando

Onte xoves as alumnas e os alumnos de 4º de Educación Primaria foron plantar no invernadoiro, e tamén limparon os arredores do mesmo. Plantaron leitugas e repolos. Despois púxoselles ás leitugas a manta térmica, para que queden ben protexidas do frío das mañáns que aos poucos vai ir sendo maior.

xoves, 25 de outubro de 2018

Eiruga


O martes despois do comedor algúns rapaces e rapazas, xunto co profe Adrián, atoparon no patio do colexio unha eiruga moi interesante que podedes ver nas imaxes de abaixo. Despois dunha pequena busca na rede comprobamos que se trata dunha eiruga de Calliteara pudibunda, unha bolboreta nocturna que vive en toda Europa e Asia Central. Podemos atoparnos con estas eirugas entre os meses de xuño e outubro, e os exemplares adultos, é dicir, as bolboretas, entre abril e xuño.
Esta eiruga aliméntase de follas de árbores como o carballo, o bidueiro, o salgueiro ou a faia. Xa que este tipo de insectos realizan o proceso da metamorfose, despois de vivir unha parte da súa vida como eirugas, na que se alimentan constantemente, viven a fase de pupa, unha vez que se envolveron nun casullo de seda e permancen así baixo as follas das árbores. Finalmente, rematan a súa vida converténdose en bolboretas durante un período curto da súa vida.
Cada femia de bolboreta pon de 100 a 300 ovos, dos que nacen estas eirugas peludas. As eirugas deben enfrontarse a unha serie de perigos en forma de depredadores. Uns depredadores importantes son os escaravellos.
Estas eirugas non son velenosas, non pasaría nada se as tocas, pero ten coidado de non facerlles dano! Tampouco lles fan ningún dano ás árbores, máis ben ao contrario, pois contribúen a descompoñer a materia orgánica, producindo abono.
Se atopades algunha eiruga e queredes saber que é, esta páxina pode servirvos de axuda para identificala: 






Aquí podedes ver algunhas imaxes que atopamos na wikipedia: 





https://es.wikipedia.org/wiki/Calliteara_pudibunda