Este luns a nai de Alén de 2º e Aimar de 3 anos tróuxonos ao cole unha quenlla (aos
tiburóns en galego chámaselles quenllas). Neste caso é unha quenlla que recibe
o nome de marraxo ou quenllón. En castelán soe chamarse
marrajo ou mako.
É da mesma familia que a gran quenlla branca (teredes
escoitado falar do gran tiburón branco) pero é máis pequena.
Vive mar afora e non é habitual que se achegue á ribeira. Habita a unha profundidade de entre 0 e 740 metros.
É unha quenlla grande, co corpo moi hidrodinámico (pois
desprázase polo mar, se o fixese polo aire diríamos que sería moi aerodinámico)
Ten un fociño rematado en punta e unha boca grande e estreita, como puidemos
ver no colexio.
Pode chegar a ser bastante grande, pois pode acadar 4,5
metros de lonxitude, aínda que o máis normal é que estea entre 3,5 e 4 metros. Pode
chegar a pesar de adulto ata 750 kg.
É ovovivípara, é dicir, os ovos desenvólvense dentro do corpo
da nai e saen nadando do seu ventre.
Trátase dunha cazadora moi forte e rápida, e come todo tipo de
presas: peixes (xardas, arenques, xurelos, sardiñas, bonitos, atúns vermellos,
peixes espada...), calamares, outras quenllas, tartarugas mariñas, arroaces...
É moi agresiva, polo que é considerada perigosa para o ser
humano, mesmo ten atacado a embarcacións. Pero ela mesma ten que ter coidado
con outros depredadores, como as candorcas, contra as que non ten nada que
facer.
Sobre todo, é moi rápida, pode acadar os 124 quilómetros por hora, polo
que é considerada o peixe máis veloz dos océanos.
En Galicia o marraxo comémolo, este de feito nolo trouxeron
dunha peixería. Ten un sabor moi apreciado, pode confundirse co mero ou co
peixe espada, aínda que sexa moi diferente destes no seu aspecto exterior.
Nesta imaxe obtida da wikipedia podedes ver como é o marraxo
Ningún comentario:
Publicar un comentario