Onte coas alumnas e cos alumnos
de Educación Infantil plantamos unha figueira. A figueira (de nome científico Ficus
Carica) é unha árbore que parece que procede de Asia e que se cultiva en
Galicia desde a antigüidade. É unha árbores moi antiga (acháronse nove figos
fosilizados datados arredor de 9400-9200 a. C. nun poboado neolítico, no Val do
río Xordán).
Esta figueira regaláranola Iria,
a profesora que estivera traballando con nós o curso pasado realizando un proxecto da Universidade de Santiago (USC)
que levaba por título “Identidade de lugar”. Moitas gracias Iria, desexámoste
moita sorte e gustaríamos de que volveses a traballar novamente con nós!
É unha árbore caducifolia (perde
as follas no inverno) que despois de florecer na primavera produce uns froitos,
os figos que podemos consumir frescos pero que tamén podemos comer secos. Aos
primeiros figos que producen as figueiras chámanselle brevas, pois as figueiras
normalmente dan froito dúas veces ao ano. As brevas e os figos teñen moito
azucre e vitaminas, sobre todo vitamina A. Tamén posúen gran cantidade de auga,
son ricos en hidratos de carbono, teñen moita fibra e minerais (como o potasio,
magnesio e calcio).
A figueira estivo presente sempre
na nosa cultura popular, hai moitos ditos, refráns, cantigas, locucións... que
fan referencia á figueiras e aos seus froitos. Por exemplo:
En tempo de figos non faltan
amigos.
Cando hai uvas e figos amaña os
teus vestidos.
Canta a rula, canta a rula,/ por
riba dunha figueira;/ a rula canta e eu choro/ por non atopar quen me queira.
Tamén existe a expresión estar
seco como un figo, que quere dicir que se está mirrado, murcho.
En Galicia tamén hai moitos
lugares con nomes relacionados coas figueiras: Figueiras, Figueirido,
Figueiredo, Figueiroa, Figueiroá...
- https://gl.wikipedia.org/wiki/Figueira
- https://gl.wikipedia.org/wiki/A_figueira_na_cultura_popular_galega
- https://gl.wikipedia.org/wiki/Figueira_(hom%C3%B3nimos)
- http://frutas.consumer.es/higo/propiedades
- Vázquez Seco F. (2003) Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. Recuperado de http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/cfg05.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario