mércores, 10 de febreiro de 2021

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con Nieves Vidal González

Esta mañá no colexio celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nas aulas de 1º, 5º e 6º de Educación Primaria tivemos unha xornada sobre a ciencia con Nieves Vidal González, co título "Esta árbore precisa de min". Nieves é doutora en bioloxía no Instituto de Investigacións agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en Santiago de Compostela. Está a investigar sobre micropropagación de especies leñosas (sobre todo árbores), tamén é especialista en crioconservación de especies como o castiñeiro, o carballo ou a sobreira, análise de estabilidade xenética en plantas cultivadas in vitro, entre outras. 

Nas aulas falounos de diferentes aspectos do seu traballo como científica, de homes e mulleres científicas e das súas investigacións. Amosounos o proceso que desde o Instituto levaron a cabo para clonar un carballo famoso, o Carballo das Mentiras de San Miguel de Sarandón, en Vedra, que enfermara e estaba a morrer. Explicounos todo o proceso científico levado a cabo, así como moitos aspectos, moi interesantes, do traballo científico. Foi unha charla moi interesante e instructiva, achegándonos a ciencia e o traballo científico dun xeito atractivo. Moitas grazas por compartir con nós esta xornada!


Ningún comentario:

Publicar un comentario