sábado, 29 de maio de 2021

HOTEL DE INSECTOS













Neste mes de maio, Francis, pai de dous alumnos e unha alumna do noso colexio, estanos a construír un hotel de insectos, coa axuda do alumnado do colexio. Vai ser un hotel impresionante, no que van poder vivir moitísimos insectos. Ao primeiro houbo de facerse a estrutura xeral do hotel, con diferentes compartimentos, nos cales van poder vivir diferentes especies de insectos. Nestes días estase a traballar poñendo os elementos precisos para que poidan acomodarse, segundo as súas características, os diferentes insectos. É moi importante que cada insecto se encontre a gusto no hotel.
Xa dixemos hai algún tempo que moitos destes insectos son fundamentais para a reprodución de moitas especies vexetais, pois contribúen á súa polinización e reprodución, como é o caso dos abellóns e diferentes tipos de avésporas.
Por se isto non fora pouco, Francis está axudando a que as nosas alumnas e alumnos melloren o seu inglés, pois estalles a ensinar moitos aspectos interesantes sobre a vida natural, en inglés.
Aínda que os empregan moitos insectos como refuxio (como as xoaniñas ou as crisopas), os principais ocupantes dos hoteis de insectos son os abellóns, e as abellas e as avispas solitarias, que os utilizan para que medre a súa descendencia. Na natureza, estes himenópteros solitarios buscan furados e galerías excavadas feitas por outros animais. Neste caso é Francis coa axuda das alumnas e os alumnos do noso colexio!
Moitas grazas Francis por dedicarnos o teu tempo e esforzo en mellorar o noso colexio!

martes, 25 de maio de 2021

CAIXA NIÑO

Na casa niño que instalamos no mes de decembro nunha das bidueiras que están no areeiro, hai unha familia de paxaros que se instalou nesta primavera para criar. Alá polo mes de decembro a Asociación Ambiental Adiantum coa colaboración de SEO Birdlife cedéranos un lote do Proxecto Aves de Compostela e ... xa temos os primeiros moradores!
A nosa experta en paxaros, Ildara, di que é un ferreiño azul. Canta facendo “tsitsitsitsi”.

domingo, 9 de maio de 2021

Incubando ovos de parrulo e galiña araucana

Na aula de 5º temos en marcha unha incubadora porque estamos a incubar parrulos e galiñas araucanas. Comezamos o proceso este venres pasado, 7 de maio. Se todo vai ben dentro de 21 días nacerán 12 pitos de galiñas araucanas, e unha semana despois, 8 pitos de parrulo. Esperemos ter pronto moitos pitos!

Envásate ao baleiro

Hai unhas semanas levamos a cabo na aula de 5º un experimento chamado "Envásate ao baleiro", para o que empregamos unha aspiradora e unha bolsa de basura grande. O experimento consiste en meterse dentro da bolsa, asegurándonos antes de que non estea rota nin teña ningunha fuga. Unha vez que se mete alguén metemos o extremo do tubo da aspiradora dentro, pechamos a bolsa ben por baixo do pescozo (con axuda) e acedémola.
Deste xeito extraemos todo o aire que queda dentro da bolsa e a presión atmosférica do exterior apreta a bolsa contra o corpo, ata quedar como un alimento envasado ao vacío!
Iso si, é necesario a axuda de varias persoas, das que polo menos unha sexa un adulto, para termar de quen esta na bolsa e apagar a aspiradora despois duns segundos. Se o facemos con coidado é moi divertido!

Experimentos en 4º de Educación Primaria

Nestas últimas semanas na aula de 4º de Educación Primaria fixemos estes experimentos que podedes ver nestes vídeos:












mércores, 28 de abril de 2021

De Fisterra a Portosín

Reacción química ácido-base

Este xoves fixemos na aula un experimento que amosa unha reacción química entre un ácido e unha base. O ácido era vinagre e a base bicarbonato sódico. A combinación das dúas sustancias, ao producir CO2, foi quen de inchar un globo primeiro e apagar unhas velas despois. Concentrámonos tanto no experimento que non nos lembramos de facer fotos!
Cando se mesturan o vinagre e concretamente o ácido que leva, que é o ácido acético (CH3COOH), e unha base que é o bicarbonato sódico (NaHCO3) prodúcese dióxido de carbono (CO2) entre outros produtos. Este gas libérase en forma de burbullas, tendea escaparse da botella e chega ata o globo provocando que este se inche.
Ao deixar de producir as burbullas, a reacción química terminouse e o globo non se inchará máis.
Se despois de quitar o globo tapamos a boca da botella e deixamos saír o CO2 sobre unhas velas acendidas, apáganse.
Como en todas as nosas sesións experimentais o alumnado propón unha hipótese sobre o que sucederá, observa os resultados e procura unha explicación ao desenvolvemento do experimento.




Club de Ciencia

O profesorado integrante do Club de Ciencia tivo o mércores pasado unha segunda sesión de formación co profesor Xosé Viñas, a quen tivemos a sorte, por segunda vez, de telo con nós. Xosé Viñas é profesor de Biología e Geología no IES David Buján de Cambre. Foi coordinador de escola piloto en varios proxectos de ciencia europeos (XploreHealth, InGenious, FuturEnergía ou Go-Lab) e asesor pedagógico de European Schoolnet no proxecto “Global Excursion”.Tamén é formador, e colaborador en proxectos como; NextLab, Erasmus+”Be a maker@school” e “In the Cloud (Internet das cousas)”, e proyectos internacionais como WorldBiotech y Design Squad Global, ambos da Association of Science-Technology Centers (ASTC) de EEUU. Polos seus proxectos ten recibido diferentes premios.
No noso colexio levamos a cabo diferentes actividades, coas que, ademais de aprender moito, pasámolo xenial.

domingo, 18 de abril de 2021

Terrarios en 4º de Educación Primaria

O alumnado de 4º de primaria estivo deseñando e facendo os seus terrarios. Que artistas!!!!


Plantando no horto

Nesta primavera todas as aulas están a participar nos traballos do horto, tanto na súa preparación como plantando diferentes hortalizas e plantas. Xa levamos plantados xudías, calabacíns, leitugas, berenxenas, pementos, tomates corazón de boi, allos, cebolo e tomates. Ademais, cambiamos os invernadoiros de lugar, temos un novo espazo e xeito de gardar as ferramentas e estamos a empregar técnicas tradicionais para dispoñer dos cultivos (canas, rafia...). Aquí podedes ver algunhas das numerosas accións que as diferentes aulas están a levar a cabo. Na páxina de Instagram do colexio podedes ver as actividades día a día.


mércores, 14 de abril de 2021

O arco da vella das densidades

Esta semana na aula de 4º de Educación Primaria fixeron este experimento para traballar as densidades. Para iso houberon de aventurar hipóteses e comprobar os resultados das mesmas. Nestas imaxes podedes ver o ben que resultou!












A voltas coas patacas!

O alumnado de 1º de Educación Primaria estivo traballando coa patacas. Aquí podedes ver todo o proceso que levaron a cabo, desde que xermolaron ata que se plantaron no horto. Igualmente, plantaron porros. Traballaron moi duro!



A NOVA LAGOA

Mirade como se volveu facer a nosa lagoa! Moitas grazas a todas e a todos pola vosa axuda e participación. Quedou unha lagoa moi chula!



mércores, 7 de abril de 2021

Experimento sobre densidades de líquidos

Hoxe na  aula de 5º de Primaria fixeron un experimento para determinar a diferencia de densidade entre varios líquidos (auga, alcohol, leite condensado, mel e aceite). Cada equipo elaborou hipóteses, probounas e finalmente estableceu a gradación de densidades, o arco da vella de densidades, correspondente. Neste vídeo podedes ver unha parte do proceso de investigación.



venres, 26 de marzo de 2021

Traballo no horto novo

Esta semana estivemos traballando para preparar o noso horto, agora nunha nova ubicación. O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria traballou a fondo preparando os novos parterres, plantando árbores froiteiras, limpando de lixo, e preparando o terreo para que puidese traballar o resto do alumnado. 

No último día, cada aula do colexio plantou a súa árbore froiteira. O alumnado de Educación Infantil, ademais, plantou os plantóns que tiñan preparado na súa aula. Plantáronse maceiras, pereiras Urraca, claudierias, mirabeles, maceiras Roxelia e pexegueiros.

martes, 16 de marzo de 2021

Mellorando o noso horto

Esta semana o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria estivo a extender o esterco polo noso horto, pois é un excelente abono orgánico natural. Tamén botamos cal (carbonato de calcio, CaCO3) co obxectivo de subir o pH do solo (a terra do noso horto é ácida) e que poda asimilar mellor os nutrientes. Nuns días sairemos medir o pH resultante.



mércores, 10 de marzo de 2021

Traballo no horto e a lagoa

Esta mañá o alumnado de 5º de Primaria saiu plantar e realizar unha observación á lagoa. Máis tarde, o alumnado de 6º saiu ao novo horto, a espallar o esterco para que a terra quede abonada. Mañán as alumnas e os alumnos de 5º rematarán ese traballo. Dámoslle as grazas á familia de Leticia, por virnos preparar o terreo, traer o esterco e deixar listo o horto para poder traballar nel. Moitas grazas!








Coidemos as nosas rías. Mariscos e peixes de Galicia

martes, 2 de marzo de 2021

Debate: Está a Terra en perigo?

O pasado xoves 25 de febreiro, na aula de 5º de Educación Primaria realizamos un debate sobre Medio Ambiente baixo o título "Está a Terra en perigo?". Ademais de responder a esta pregunta propuxéronse moitas ideas para poder vivir nun planeta máis coidado e san. Neste podcast podedes escoitar o debate na súa totalidade. A ver que vos parece...

domingo, 28 de febreiro de 2021

FORMACIÓN NO CLUB DE CIENCIAS CON JOSÉ VIÑAS

Este pasado xoves 25 de febreiro tivemos no colexio unha sesión de formación para o profesorado referida ao Club de Ciencias. O profesor José Viñas, profesor, no IES David Buján de Cambre, de Bioloxía e Ciencias Naturais, un gran profesor (recibiu o premio Educa a Mellor Docente de España en Secundaria, foi asesor pedagóxico de European Schoolnet no proxecto “Global Excursion” y mentor en proyectos internacionales e hoxe é desenvolvedor do Proxecto NBS (Nature Based Solutions) de European Schoolnet, comunicador no programa de TVG Aquelando, asesor pedaxógico do Libro dixital E-Dixgal da Consellería de Educación e, xunto con Patricia Barciela, coordinador do apartado de Innovación Educativa de Voz Natura) e un excelente divulgador. Falamos de fomentar a observación e o rexistro de datos no alumnado, de favorecer a súa curiosidade e de como ir formando un espíritu científico e tecnolóxico. Ademais, fixemos algunhas experiencias moi interesantes e divertidas relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, como podedes ver no vídeo. O profesorado pasámolo xenial! E o mes que ven temos unha nova sesión, que xa nos tarda!



sábado, 20 de febreiro de 2021

Primeiras imaxes en cor de Marte tomadas polo Perseverance

 No xornal GCiencia amósannos as primeiras imaxes en cor que tomou o Perseverance da superficie de Marte. Tamén podedes acceder á súa páxina web premendo neste enlace.

A enxeñeira aeroespacial Diana Trujillo en entrevista

Neste artigo do xornal "El País" podedes coñecer á enxeñeira aeroespacial colombiana Diana Trujillo, quen estivo a cargo do equipo de enxeñeiros que desenvolveu o brazo robótico do Perseverance, quen foi nomeada directora de voo da misión Mars 2020 e que narrou onte en español, a aterraxe da nave na superficie de Marte.

Diana Trujillo fálanos de misión Marte 2020 da NASA

 Neste vídeo a enxeñeira aeroespacial Diana Trujillo, a directora de voo da misión Perseverante explicaba hai uns meses o que ían buscar a Marte. Moi interesante!

mércores, 10 de febreiro de 2021

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con Nieves Vidal González

Esta mañá no colexio celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nas aulas de 1º, 5º e 6º de Educación Primaria tivemos unha xornada sobre a ciencia con Nieves Vidal González, co título "Esta árbore precisa de min". Nieves é doutora en bioloxía no Instituto de Investigacións agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en Santiago de Compostela. Está a investigar sobre micropropagación de especies leñosas (sobre todo árbores), tamén é especialista en crioconservación de especies como o castiñeiro, o carballo ou a sobreira, análise de estabilidade xenética en plantas cultivadas in vitro, entre outras. 

Nas aulas falounos de diferentes aspectos do seu traballo como científica, de homes e mulleres científicas e das súas investigacións. Amosounos o proceso que desde o Instituto levaron a cabo para clonar un carballo famoso, o Carballo das Mentiras de San Miguel de Sarandón, en Vedra, que enfermara e estaba a morrer. Explicounos todo o proceso científico levado a cabo, así como moitos aspectos, moi interesantes, do traballo científico. Foi unha charla moi interesante e instructiva, achegándonos a ciencia e o traballo científico dun xeito atractivo. Moitas grazas por compartir con nós esta xornada!


domingo, 7 de febreiro de 2021

Prohibida a caza do lobo en España

A revista de divulgación GCiencia publicou este interesante artigo recentemente. Podes ver a nova directamente na súa páxina premendo neste enlace.

martes, 2 de febreiro de 2021

Artigo sobre o noso colexio

Se queres acceder á paxina web que amosamos, preme neste enlace.

De onde ven a caca? Segunda parte

O venres pasado rematamos este experimento, despois de deixar os cereais mergullados en vinagre, simulando o proceso dentro do estómago cos zumes gástricos.


De onde ven a caca? Primeira parte

Na aula de 5º fixemos unha experiencia moi interesante sobre como se producen as substancias de refugallo no noso corpo no proceso da dixestión. É un traballo proposto e realizado por María Mayo, alumna da Facultade de Ciencias da Educación para a asignatura de Ciencias da Natureza. Esta que vedes é a primeira parte dunha experiencia que remataremos mañá, cando vexamos o resultado da acción do "zume gástrico", representado polo vinagre. Neste vídeo podedes ver a primeira parte do experimento.




Experimento sobre a tensión superficial da auga

A semana pasada levamos a cabo un experimento para comprobar a tensión superficial da auga. Foi moi simple, so precisamos un clip e un pouco de auga. Ao principio custaba un pouco facer que o clip non transpasase a membrana superficial da auga, pero despois conseguímolo, aprendemos a non transpasar esa membrana. Tamén estivemos facendo observacións de obxectos coa lupa binocular.




venres, 15 de xaneiro de 2021

Actividade astronómica con profesores do IES de Sar

Hoxe tivemos unha actividade científica moi interesante no noso colexio. Viñeron tres profesores do IES de Sar (Isaac, Leopoldo e Aníbal) para compartir con nós o seu telescopio solar. Todas as alumnas e os alumnos do noso colexio puideron achegarse a velo e a ollar a traveso del. O tempo non nos acompañou, pois o ceo esta cuberto e non se puido observar, e houbo que enfocar para outro lado. A pesares de non poder realizar ningunha visualización astronómica, o noso alumnado pasouno moi ben con esta actividade.






xoves, 14 de xaneiro de 2021

Experimentos: a auga viaxeira

Á volta das vacacións seguimos facendo experimentos científicos como este feito onte na clase de 5º de EP. Un experimento consistente en mostrar a cohesión das moléculas da auga e a propiedade adhesiva da mesma, grazas as que é quen de viaxar desde un recipiente a outro ao longo de, por exemplo, unha corda.