Ola a todas e a todos! Que tal levades a corentena? Espero
que todo vos vaia ben e que levedes ben o encerro. Nestes momentos difíciles
temos que dar o mellor de nós, cumprindo coas normas sanitarias, extremando a
limpeza, axudando ás nosas familias no que sexa necesario e mantendo a tranquilidade.
É moi útil facer un horario de tarefas, pois se nos mantemos
en actividade e ocupamos o noso tempo dunha maneira ordenada pasaremos os días
case sen darnos conta. O horario podería ser deste tipo:
8:30 - 9:30
|
Almorzo, aseo,
facer a cama, ordenar a habitación.
|
9:30 - 11:00
|
Estudo, traballo.
|
11:00 - 11:30
|
Exercicio físico.
|
11:30 – 13:00
|
Xogo.
|
13:00 – 13:30
|
Axudar nas tarefas
da casa.
|
13:30 – 14:30
|
Xantar.
|
14:30 – 16:30
|
Sobremesa, xogos
en familia, lectura...
|
...
Este é so un exemplo, pois depende dos costumes de cada
familia, da idade das rapazas e os rapaces, de quen vivades na casa... Pero é
moi importante organizar o noso tempo.
Claro que é importante xogar, coas nosas irmás e irmáns, se
temos, e co resto da familia. Hai moitos xogos que se poden facer na casa
(cartas, parchís, xadrez, damas, formapalabras...) e moitos que vos coñezades
ou mesmo inventedes. Tamén se pode debuxar, pintar, facer cousas con material
de refugallo...
E, por suposto, ler. É moi boa época para ler,
individualmente, pero tamén se pode facer lectura compartida, ou que alguén lea
e os demais escoiten. Podemos falar das nosas lecturas, compartir historias...
Do mesmo xeito, podemos contarnos contos, soños...
Ah, tamén é moi importante manterse en forma! Aquí tedes un
vídeo que daravos algunhas ideas para facer exercicio na casa:
Desde o horto do Xixirei, ademais, propoñémosvos levar a cabo
proxectos e experimentos científicos con materiais e ingredientes que temos na
casa. E como xa vai ser a primavera, pasado mañán, 20 de marzo, ás 4 horas e 50 minutos hora oficial peninsular, podemos empezar por
facer algunha actividade relacionada con este tempo.
É un bo momento para plantar sementes, podemos comezar a
plantar diferentes tipos: as sementes que atopamos na froita que comemos,
podemos coller uns poucos legumes (lentellas, garavanzos, fabas...), ou mesmo
outros tipo de sementes que teñamos por casa (noces, sementes de árbores que
colléramos no outono...). Serviranos calquera envase, como vasos de iogur,
bricks do leite, pequenas macetas... e a plantar!
Todas estas plantas, cando xerminan e medran, sérvenos para
estudar o mundo das plantas.
Se queredes ver como xerminan algunhas, podedes plantalas en
botes de cristal pegadas ao cristal para observar como nacen e comezan a
medrar.
Moitas destas sementes medrarán rápido, como as lentellas,
outras irán un pouco máis lentas, como as fabas, e a outras levaralles máis tempo, como as sementes de mazán.
Cando saian da terra podemos observar as súas primeiras
follas, como van medrando (podedes ir medindo cunha regra o seu crecemento cada
pouco tempo), comprobar se as seguintes follas son diferentes ou non das primeiras...
Nesta páxina podedes atopar experimentos moi interesantes para facer con sementes, esperamos que vos gusten:
Ata pronto e ánimo!