luns, 25 de novembro de 2019

BROCHETAS DE FROITA







A semana pasada, as alumnas e os alumnos de Educación Infantil fixeron unha saborosa merenda con froita. Tamén fixeron xogos como o de Que froita falta?

luns, 18 de novembro de 2019

COMPOSTAXE

Durante este curso seguimos coa actividade de compostaxe. Como sabedes, as alumnas e os alumnos de 3º de Educación Primaria encárganse de controlar o proceso de compostaxe, recollendo os restos das aulas, levándoos ao composteiro, mesturándoos con outros elementos, como follas de árbores, anacos de madeira..., e controlando o estado de compostaxe, a temperatura ou os animais que traballan dentro do composteiro.
Como sabedes, temos varios composteiros. Pois xa temos cheo un deles e comezamos a encher o segundo, e iso é porque cada vez consumimos máis froita. A este aumento contribúe a nosa participación no programa de froita fresca do que falamos na entrada anterior.





Programa de froita no recreo

Neste curso estamos a participar no Programa de froita no recreo, subvencionado pola Consellería de Medio Rural e polo Fogga (Fondo galego de garantía agraria). Durante a semana pasada e esta estamos a recibir froita de temporada. Recibimos peras, mazáns, mandarinas e plátanos nesta ocasión. Traerán outra vez máis neste curso.
Como sabedes, comer froitas e verduras é moi importante para manter un bo estado de saúde. Segundo Organización mundial para a saúde (OMS), as froitas e as verduras son compoñentes esenciais dunha dieta saudable, e un consumo diario suficiente podería contribuír á prevención de enfermidades importantes, como as cardiovasculares e algúns cancros.
Un informe da OMS e a FAO (Food and agriculture organitation) recomenda como obxectivo para a poboación a inxesta dun mínimo de 400 gramos diarios de froitas e verduras (agás patacas e outros tubérculos feculentos) para previr enfermidades crónicas como as cardiopatías, o cancro, a diabetes ou a obesidade, así como para previr e mitigar varias carencias de micronutrintes.
Servizo Galego de Saúde (SERGAS), recomenda que tomemos, polo menos, cinco racións de verduras e froitas ao día. Ademais, que tomemos máis alimentos de orixe vexetal, variados e de todas as cores, e menos de orixe animal, entre outras recomendacións. Tamén lémbranos os beneficios de comer froitas e verduras. Podedes ampliar a vosa información en: 

venres, 15 de novembro de 2019

A MOER MILLO!

As alumnas e os alumnos de Educación Infantil saíro  a facer varias actividades a varios lugares da veciñanza. Un dos grupos da  foron á casa de Teresa e Pepe a moer o millo que despois debullaron. Teresa, que xa estaba esperando no camiño, convidounos a entrar na súa casa, ensinoullesas cebolas que enrrestraran, moi ben colgadas! Con Teresa e Pepe visitaron a casa, tan antiga que aínda conserva a lareira. Ensináronlles tres muíños diferentes, un de manivela e dous eléctricos. Pero o que máis lles sorprendeu foi ver a Teresa moer o millo coas mans. Como bulía! Despois a rapazada entregoulles un regaliño con todo o cariño e agradecemento.

O outro grupo foi á casa de José e Rosa, que moi amablemente lles atenderon, ensinaron e explicaron un montón de cousas. Viron o hórreo onde se garda o millo, unha vez esfollado. E descubriron que debaixo do hórreo había coellos. Tamén tiñan cabras, vacas, un cuxo, ovellas, un can e gatos. 
Botáronlle millo ao porquiño, que lle gustou moito! Contáronlles que hai uns utensilios para esfollar o millo, pero que eles sempre o fixeron á man. Ensináronlles a debulladora, obra de José, onde se mete a espiga do millo e xa saen os grans sós. 
Contáronlles que os carozos úsanos para encender o lume e de pequenos facían bonecas con eles. Unha vez debullado, usan dous muíños: un fai fariña e o outro millo tronzado (carozo e grans). A nosa rapazada disfrutou moito axudando a José!
Rosa ensinoulles a peneirar para deixar a fariña limpa para poder facer filloas, empanada, pan e papas.
Finalmente as nosas alumnas e alumnos entregáronlles un regaliño con todo o  cariño e agradecemento. E Teresa e Pepe tiñan unhas rosquilliñas de agasallo!
Moitas gracias polo voso cariño e amabilidade!
Se queredes ver máis imaxes e información da saída, ide ao blog da Rapazada de Lavacolla.

mércores, 6 de novembro de 2019

Samaín 2019




O pasado mércores 30 celebramos no noso colexio o Samaín. Previamente, días antes estivemos a decorar o centro, os corredores e, sobre todo, a entrada aos dous edificios, un traballo conxunto pero no que Carmiña, a nosa conserxe, traballou arreo. Durante esa semana, as alumnas e os alumnos que quixeron foron traendo cabazas decoradas das súas casas, coas que se fixo unha exposición, como ven sendo habitual en cursos pasados. Tamén houbo unha exposición de libros propios desta data. Finalmente, o alumnado de 6º de Educación Primaria foron visitando ás demais aulas, con disfraces propios da celebración e repartindo agasallos. Foi moi divertido. Nestas imaxes podedes ver algún detalles desta celebración.

luns, 4 de novembro de 2019

SAÍMOS NO XORNAL!

O pasado 29 de setembro saímos no xornal de La Voz de Galicia. A nova fala do noso traballo en relación ao coidado do medio ambiente, e dentro do proxecto Voz Natura en particular. Así, refírese ao noso traballo no horto, sobre alimentación saudable, as ecobrigadas ou a limpeza do río Sionlla, que levaron a cabo as alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Aquí tedes o enlace da noticia na edición dixital, pero tamén saíu no xornal de papel.