mércores, 19 de decembro de 2018

As maceiras e as mazáns


A maceira (Malus domestica), é unha árbore da familia das rosáceas cultivada polo seu froito, a mazá. Parece ser que se comezou a cultivar hai xa varios miles de anos e que se introduciu en Europa na época do Imperio Romano. Hoxe en día existen unas 1000 variedades cultivadas, como resultado das moitísimas hibridacións entre as variedades silvestres.

As propiedades positivas que teñen as mazás para a saúde son innumerables, ata o punto que se lle ten considerado un alimento medicina: a mazá é rica en fibra, retén a auga e facilita a eliminación de toxinas, é un antiácido natural, renova a flora intestinal, é un dentífrico natural, ten un gran contido en taninos, que son antiinflamatorios, é abundante en vitamina C (unha mazá pode cubrir o 30% das necesidades diarias desta vitamina), vitamina E, potasio, fósforo...

Podes comer as mazáns crúas, pero tamén facer compota, e nas comunidades do norte de España faise a sidra a partir das mazáns.

A maceira era símbolo da sabedoría, a calma e a paz entre os druídas celtas. Unha maceira ten tanta vida que é quen de producir uns froitos moi grandes, aínda sendo ben pequena, como podedes ver nas maceiras que plantamos o ano pasado, que xa deron bos froitos este ano.


A maceira e as mazás teñen moita importancia na nosa cultura. Sabías que? 
  • A palabra pomada chámase así polo nome desta árbore en francés, pommier. Antigamente unha mestura de zume de mazá e aceite se usaba para curar feridas. 
  • A maceira é a árbore froiteira máis antiga que aparece na Biblia, pois Adán e Eva foron expulsados do Paraíso por probar o froito da árbore do coñecemento, que era unha maceira. 
  • A mazá aparece e contos, como o de Brancaneves e ten un papel fundamental no seu desenlace. 
  • A mazá da discordia na mitoloxía grega desata un enfrontamento entre as deusas Hera, Afrodita e Atenea
  • Isaac Newton comentou ao seu biógrafo William Stukeley, que usou a caída dunha mazá na súa horta como inspiración para formular a Lei da gravitación universal
  • O grupo The Beatles empregouna como logotipo para a súa compañía discográfica. 
  • O logotipo da empresa de informática Apple Inc. é unha mazá mordida e os seus computadores chámanse Macintosh (McIntosh é unha variedade de mazá). 
No cantigueiro podemos atopar cantigas como estas:

Pasei a Ponte de Ourense,
paseina de madrugada;
topei un anelo de ouro
i unha mazá colorada

Unha mazá vermelliña
posta na mesa do rei;
non collín outros amores
desque contigo falei

A carón da Casa das Ciencias da Coruña hai plantada unha maceira que seica é un exemplar clónico da que existe na que fora casa de Isaac Newton, como podedes ver na foto da placa que hai ao pe desta árbore. 



Gran parte desta información foi obtida nas seguintes páxinas: 
Tamen nos serviu de referencia o libro de Eric Brisbare "Un baño de bosque", de Alianza Editorial.

Inicio do inverno 2018

O inverno de 2018-2019 comezará o 21 de decembro ás 23h 23m hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Este día, pois, será o solsticio de inverno, é dicir, un dos momentos nos que o Sol, durante o seu movemento aparente na esfera celeste, está máis afastado do Ecuador.
Esta estación durará 89 días e 20 horas, e rematará o 20 de marzo co comezo da primavera.
Durante todo o inverno Marte será visible despois de poñerse o Sol. Ao amencer veranse Venus, Xúpiter e, desde de mediados de xaneiro, Saturno, que estará oculto pola Lúa a madrugada do 2 de febreiro.
A lúa chea do mes de decembro será o vindeiro día 22. A lúa chea, ou plenilunio, é unha fase luar que sucede cando o noso planeta Terra se encontra situado exactamente entre o Sol e a Lúa. Nalgúns lugares a esta lúa chámaselle Lúa Fría, Lúa de Xeada ou Lúa antes do Nadal. Esta Lúa vese alta no ceo porque está de fronte a un Sol moi baixo no horizonte.
Ao longo desta estación se producirán dous eclipses, un parcial de Sol que non será visible en España (so no nordeste de Asia e no norte do Océano Pacífico), os días 5 e 6 de xaneiro, e un total de Lúa o 21 de xaneiro, visible en Europa, África e América.
O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, é un bo momento para planificar o vindeiro ano e comezar a plantar os primeiros cultivos. Agora podemos plantar allos e bulbos de cebola, chícharos e fabas lobas. Podemos plantalas de xeito escalonado, por exemplo en tres veces entre decembro e febreiro, para que non nos veña todo o froito xunto.
Non debemos deixar o solo espido, pois as xeadas reducen a súa fertilidade. Se non imos plantar nada ata a primavera, podemos cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe...), que aumenta a actividade biolóxica e reduce a aparición doutras herbas, ademais, a súa descomposición será boa para a terra.
Esta información foi extraída das páxinas:

luns, 17 de decembro de 2018

Libros

Neste vídeo promocional preséntannos o libro "Escucha hablar a los árboles", de Peter Wohlleben, que vos aconsellamos recentemente. A ver que vos parece.


Para toda a familia

Neste vídeo Angel Carracedo, experto internacional en xenética, explícanos con linguaxe sinxela o mundo dos xenes. Moi interesante para ver toda a familia!


xoves, 13 de decembro de 2018

ABELLÓNS

Ata hai moi pouco, no noso horto había moitos abellóns, e estudamos algúns deles. Agora, coa chegada do frío, xa non os vemos. Son uns insectos moi interesantes, como veredes a continuación.

Os abellóns ou abesouros son insectos himenópteros que pertencen á familia das abellas (Apidae). Son moi peludos, e a súa cor, moi parecida ao das abellas, sérvelles para avisar aos depredadores que teñan coidado con eles. Os abellóns teñen aguillón pero normalmente non o utilizan.

Ao igual que as abellas, son insectos sociais, pero as súas colonias son menos numerosas que as das abellas. Tamén fan mel, pero gardan tanta cantidade como as abellas, pois todos os individuos morren ao chegar o inverno, agás a raíña, que sobrevive á estación.

Son insectos que polinizan (axudan a moitas plantas a reproducirse, levando grans de pole desde o gameto masculino dunha planta ata un gameto feminino onde está o óvulo). Así, por exemplo, utilízanse para polinizar tomates nos invernadoiros.

Sen embargo, moitas especies de abellóns están en perigo de desaparecer, e con eles moitas das plantas que polinizan.

Esta información, así como a terceira imaxe, foron extraídas da wikipedia.







mércores, 12 de decembro de 2018

Cans de Palleiro









Este luns viñeron ao noso colexio varios membros do Club de Raza “Can de Palleiro” acompañados por Loira unha cadela desta raza que nos causou unha moi grata impresión, polo educada que estaba, así como o seu dono e adestrador Iago. Patricia nos falou de moitas cousas sobre os cans que non sabíamos. Onte aprendemos moitas cousas sobre como comportarnos cos cans, cos que son nosos e cos de outras persoas. Lembráronnos que aínda que os cans están próximos a nós teñen comportamentos diferentes, pois son outra especie, e temo que actuar respectando estas características. Vimos de primeira man o importante que é que os cans estean educados (e os seus donos e donas tamén!). Ademais, aprendemos a coñecer e recoñecer os cans de palleiro, unha raza autóctona de Galicia, e totalmente adaptada ao noso entorno, pois naceu e desenvolveu aquí. E, por suposto, puidémolo pasar moi ben con Loira, que foi moi paciente e cariñosa con todos os rapaces e todas as rapazas. Agradecémoslle de corazón á esta asociación que compartise con nós a súa experiencia e coñecementos. Moitas gracias! En breve poderedes ver máis imaxes desta experiencia tan interesante!

Compostaxe con Adega










Onte estiveron no noso colexio María e Raquel, da Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA), quen, en colaboración co Concello de Santiago, están a traballar nos colexios sobre a compostaxe.
Estivemos comprobando como ía o proceso de compostaxe nos nosos composteiros, vimos a temperatura que había no seu interior, comprobamos a evolución do compost en dous composteiros, observamos algúns dos animais que están traballando para producilo, e verificamos que os restos que se foron botando eran axeitados ou non. Tamén cribamos o compost e, como podedes ver na última imaxe, temos un compost moi bo!
Agradecémoslles a María e Raquel todo o que aprendimos con elas sobre este proceso. Moitas gracias!