martes, 6 de febreiro de 2018

Pradairo (Acer pseudoplatanus)

Como xa vos comentamos hai un tempo, no colexio estamos facendo este curso un viveiro de árbores. Isto ten un dobre obxectivo: por unha parte imos regalar plantóns a quen queira e teña intención de plantalos nalgures; pola outra plantaremos unha parte no colexio ou no entorno próximo. 

Entre as sementes que comezan a agromar xa están os pradairos (Acer pseudoplatanus), unhas árbores que non son moi abondosas na nosa Comunidade pero que forman parte integrante dos nosos bosques. Ademais, son moi apreciadas para plantar en parques e xardíns, dada a súa vistosidade. 


Na imaxe podedes ver unha pequena plántula desta especie. Nela podemos apreciar que nun primeiro momento apareceron dúas folliñas alongadas e lisas, que non se parecen en nada ás follas verdadeiras do pradairo. Son as chamadas cotiledóns ou follas embrionarias, e teñen unha función moi importante, pois serven para absorber os nutrientes na semente até que a plántula poida desenvolver as raíces e as súas verdadeiras follas e realizar, así a fotosíntese. Nesta plántula podedes observar que xa se desenvolveron as primeiras follas verdadeiras.



Ningún comentario:

Publicar un comentario