mércores, 28 de febreiro de 2018

NEVE!!











Hoxe volveu nevar en Lavacolla! Pasámolo moi ven véndoa e xogando con ela!

Plantación de 2º













Onte martes as alumnas e os alumnos de 2º de Educación Primaria foron plantar ao horto. Desta vez plantaron repolos fóra do invernadoiro.

xoves, 22 de febreiro de 2018

Primeira plantación no horto







Onte xoves as alumnas e os alumnos de Educación Infantil, e máis de 2º estiveron a plantar no horto. Primeiro plantaron chícharos dentro do invernadoiro (é o primeiro cultivo que facemos nel!) Este chícharos xerminaran nun semilleiro que prepararan hai un mes. Despois plantaron os allos que tamén estaban listos no seu semilleiro, desta vez fóra do invernadoiro.
Damos comezo, así, aproveitando estes días de sol, ao traballo no horto, que xa tiñamos gañas de saír plantar! 

xoves, 8 de febreiro de 2018

MACETEIROS

Ollade que maceteiros máis orixinais están facendo as alumnas e os alumnos de 6º de Educación Infantil. Que ben quedan na entrada!



Lagoa xeada!!

Hoxe pola mañán ao chegar ao colexio a lagoa estaba xeada. É que hoxe ía moito frio!! A pena é que case non nevou, tan so caeron algunhas folerpas onte a primeira hora.


martes, 6 de febreiro de 2018

Pradairo (Acer pseudoplatanus)

Como xa vos comentamos hai un tempo, no colexio estamos facendo este curso un viveiro de árbores. Isto ten un dobre obxectivo: por unha parte imos regalar plantóns a quen queira e teña intención de plantalos nalgures; pola outra plantaremos unha parte no colexio ou no entorno próximo. 

Entre as sementes que comezan a agromar xa están os pradairos (Acer pseudoplatanus), unhas árbores que non son moi abondosas na nosa Comunidade pero que forman parte integrante dos nosos bosques. Ademais, son moi apreciadas para plantar en parques e xardíns, dada a súa vistosidade. 


Na imaxe podedes ver unha pequena plántula desta especie. Nela podemos apreciar que nun primeiro momento apareceron dúas folliñas alongadas e lisas, que non se parecen en nada ás follas verdadeiras do pradairo. Son as chamadas cotiledóns ou follas embrionarias, e teñen unha función moi importante, pois serven para absorber os nutrientes na semente até que a plántula poida desenvolver as raíces e as súas verdadeiras follas e realizar, así a fotosíntese. Nesta plántula podedes observar que xa se desenvolveron as primeiras follas verdadeiras.



SEGUIMOS PLANTANDO

No descanso do corredor da 2º planta do edificio norte (no que están as aulas de Educación Infantil) estamos a expoñer unha actividade que se está a realizar na aula de 6º de Educación Infantil. En síntese as alumnas e os alumnos están plantando diferentes plantas, tanto a partires de sementes como como de cortes. Xa vos amosamos algunhas imaxes nalgunhas publicacións anteriores. Aquí podedes ver novas imaxes.










luns, 5 de febreiro de 2018

COMPOSTAXE





Como podedes ver por estas imaxes, no colexio seguimos a producir compost. Como vos explicamos nun post anterior, neste curso, ademais, estamos participando nunha actividade promovida polo Concello e levada a cabo por membros do colectivo Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia), quen colaboran connosco prestándonos asesoramento e facilitándonos materiais (instaláronos dous compostadores, trouxéronos un contedor cheo de labrass de madeira, así como caldeiros e rastrilladores). As alumnas e os alumnos de 3º de Educación Primaria son quen se encargan da tarefa de recoller os restos orgánicos que se producen no colexio, levalos aos compostadores e controlar o proceso de compostaxe. Por outra parte, os alumnos a alumnas de Educación Infantil fan separación na aula e deixan os restos nos dous corredores do edificio de Infantil.

Neste curso imos empregar xa o compost que sa temos producido noutro compostador, no horto, tanto no invernadorio que instalamos recentemente como fóra del (aquí este ano plantaremos allos, millo, amorodos e trigo).