xoves, 29 de setembro de 2016

RECOLLIDA DE RESTOS PARA COMPOST E ECOBRIGADAS

Nesta semana comezamos o plan de recollida de restos para compost, no que participarán todas as aulas do colexio. Imos ir recollendo os restos vexetais das merendas do recreo en diferentes receptores, en ambos os dous edificios, para, posteriormente levalos aos composteiros que temos no horto. Con esta actividade e outras relacionadas coa reciclaxe e a compostaxe pretendemos facer conscientes aos alumnos e as alumnas sobre a importancia de reciclar, reutilizar e reducir o noso impacto sobre O entorno e adquirir uns hábitos cada vez máis respectuosos co Medio Ambiente.

Así mesmo, xa comezaron a súa actividade as ecobrigadas, encargadas de supervisar o consumo de enerxía eléctrica no colexio. Xunto aos alumnos e as alumnas maiores, comezaron esta experiencia a xente máis miúda de Primaria. Todos os recreos un grupo de rapaces e rapazas revisan que so se estea utilizando a iluminación artificial imprescindible, promovendo o consumo enerxético responsable, tamén un bo hábito de respecto ao Medio Ambiente.



martes, 27 de setembro de 2016

Comeza o outono!

O outono de 2016 comezou o 22 de setembro, ás 16h 21m,  hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Geográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Esta estación durará 89 días e 20 horas, e rematará o 21 de decembro, co comezo do inverno (datos proporcionados pola páxina do Instituto Geográfico Nacional, http://astronomia.ign.es/inicio-de-las-estaciones).

martes, 20 de setembro de 2016

Ecobrigadas

Onte comezaron a actuar as Ecobrigadas no noso cole, como ven sendo habitual nos últimos cursos. Trátase dunha actividade que levan a cabo os alumnos e as alumnas de 1º, encamiñada a efectuar a supervisión do consumo de luz eléctrica en todo o colexio. Quen o realizan encárganse de verificar que non haxa luces acesas cando non son necesarias, e faise no recreo. Esta semana comeza o alumnado de 6º, a quen acompañan alumnos e alumnas de 1º para ir coñecendo o seu funcionamento.
Aquí abaixo vedes as follas de rexistro que empregamos.


martes, 13 de setembro de 2016

O noso colexio

Aquí tedes unha aproximación ao plano do noso colexio. O que pretendemos non é tanto ser fieis a unha escala precisa, senon representar as súas dependencias e, en especial, as áreas nas que traballamos en relación ao horto e a diferentes actividades medioambientais. Así, podedes ver onde está o horto e a zona verde interior relacionada con el, xundo co espazo adicado ás plantas aromáticas. Tamén vedes que temos unha zona verde exterior moi ampla, áreas con arborado e outros espazos nos que tamén traballamos.

xoves, 8 de setembro de 2016

Benvida ao novo curso 2016-2017

Benvidos e benvidas ao novo curso 2016-2017! Desde este blogue desexámosvos un comezo de curso con moita enerxía e ilusión por aprender. Desde este blogue queremos animarvos a que participedes en todas as actividades que temos pensadas para levar a cabo durante o curso, e tamén a que vós propoñades as vosas ideas sobre o que vos gustaría facer e traballar en relación á Natureza e o Medio Ambiente, co que está relacionada a vida de todos os seres humanos e do que dependemos. Neste curso seguiremos traballando no noso horto, por suposto, xa desde este mes de setembro. Ademais, imos ampliar as actividades relacionadas coa elaboración e estudo do compost, plantaremos todo tipo de hortalizas e tamén experimentaremos co cultivo de brotes para realizar almorzos saudables, faremos experiencias con plantas aromáticas, instalaremos un estanque para ras, iremos limpar o noso tramo do río Sionlla e un montón de actividades máis que xa vos iremos contando... Así que, ánimo, que este curso ímolo pasar moi ben!