martes, 27 de setembro de 2016

Comeza o outono!

O outono de 2016 comezou o 22 de setembro, ás 16h 21m,  hora oficial peninsular, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Geográfico Nacional - Ministerio de Fomento). Esta estación durará 89 días e 20 horas, e rematará o 21 de decembro, co comezo do inverno (datos proporcionados pola páxina do Instituto Geográfico Nacional, http://astronomia.ign.es/inicio-de-las-estaciones).

martes, 20 de setembro de 2016

Ecobrigadas

Onte comezaron a actuar as Ecobrigadas no noso cole, como ven sendo habitual nos últimos cursos. Trátase dunha actividade que levan a cabo os alumnos e as alumnas de 1º, encamiñada a efectuar a supervisión do consumo de luz eléctrica en todo o colexio. Quen o realizan encárganse de verificar que non haxa luces acesas cando non son necesarias, e faise no recreo. Esta semana comeza o alumnado de 6º, a quen acompañan alumnos e alumnas de 1º para ir coñecendo o seu funcionamento.
Aquí abaixo vedes as follas de rexistro que empregamos.


martes, 13 de setembro de 2016

O noso colexio

Aquí tedes unha aproximación ao plano do noso colexio. O que pretendemos non é tanto ser fieis a unha escala precisa, senon representar as súas dependencias e, en especial, as áreas nas que traballamos en relación ao horto e a diferentes actividades medioambientais. Así, podedes ver onde está o horto e a zona verde interior relacionada con el, xundo co espazo adicado ás plantas aromáticas. Tamén vedes que temos unha zona verde exterior moi ampla, áreas con arborado e outros espazos nos que tamén traballamos.

xoves, 8 de setembro de 2016

Benvida ao novo curso 2016-2017

Benvidos e benvidas ao novo curso 2016-2017! Desde este blogue desexámosvos un comezo de curso con moita enerxía e ilusión por aprender. Desde este blogue queremos animarvos a que participedes en todas as actividades que temos pensadas para levar a cabo durante o curso, e tamén a que vós propoñades as vosas ideas sobre o que vos gustaría facer e traballar en relación á Natureza e o Medio Ambiente, co que está relacionada a vida de todos os seres humanos e do que dependemos. Neste curso seguiremos traballando no noso horto, por suposto, xa desde este mes de setembro. Ademais, imos ampliar as actividades relacionadas coa elaboración e estudo do compost, plantaremos todo tipo de hortalizas e tamén experimentaremos co cultivo de brotes para realizar almorzos saudables, faremos experiencias con plantas aromáticas, instalaremos un estanque para ras, iremos limpar o noso tramo do río Sionlla e un montón de actividades máis que xa vos iremos contando... Así que, ánimo, que este curso ímolo pasar moi ben!







luns, 27 de xuño de 2016

Recollendo a colleita









A semana pasada recollimos o que tiñamos plantado, agora sobre todo leitugas, e as repartimos entre o alumnado para que levasen á súa casa. Xa nos dirán se lles gustaron!

martes, 24 de maio de 2016

PLANTACIÓN DOS ALUMNOS E ALUMNAS DE 3º








Onte, luns 23 de maio os alumnos e alumnas de 3º foron plantar ao horto. Desta vez plantaron dúas variedades de leituga. Tamén estiveron a arrincar herbas e comprobar como van as plantas que plantaron outros cursos.