luns, 27 de novembro de 2017

Píntega

O pasado venres unha píntega veu de visita ao noso colexio. Como nos gustou moito fixémoslle este vídeo para compartilo con vós.

martes, 14 de novembro de 2017

Plantando sementes




 



Este venres pasado as alumnas e os alumnos de 1º de Educación Primaria tamén plantaron sementes de árbores. Desta vez foron landras e sementes de pradairo.

martes, 7 de novembro de 2017

Plantando sementes de árbores






Neste curso imos preparar un viveiro de árbores. Ata o momento levamos plantadas sementes de carballo, pradairo, loureiro, castiñeiro, carballo americano, magnolio, xingko e arce xaponés. O noso propósito é que valoremos as árbores como seres vivos esenciais na vida do noso planeta e, polo tanto, dos seres humáns. Nós imos contribuír co noso traballo a que haxa máis árbores.

Compostaxe con Adega












Compostaxe con Adega 
Este pasado xoves recibimos a visita de dous representantes de Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) quen, en colaboración co Concello de Santiago, están a desenvolver un programa de asesoramento aos centros educativos sobre a compostaxe. Ao noso colexio trouxeron dous composteiros, un contedor de estruturante (restos de madeira...) e outros materiais (caldeiros, luvas, rastrillo e manuais sobre compostaxe) e nos ensinaron como levar a cabo correctamente este proceso de compostaxe. Foi moi interesante. Tamén falamos da separación do lixo, dos diferentes contedores e do seu uso correcto, dos restos que deben ir aos puntos limpos e de como proceder cando nos desfacemos dun electrodoméstico. 
No noso colexio os alumnos e as alumnas de 3º de Educación Primaria vanse encargar de recoller os restos orgánicos procedentes das merendas do alumnado e alimentar os composteiros para conseguir un compost de calidade. Aínda que, como xa sabedes, levamos algúns anos producindo o noso compost, agradecémoslle a Adega a súa aportación, pois nos axudaron a mellorar no noso traballo de compostaxe. 
Nestas imaxes podedes comprobar que este ano xa temos producido compost. Ver o compost que aparece no composteiro é un fenómeno espectacular, pois fomos botando restos (que normalmente soemos botar no caldeiro do lixo), e agora atopámonos cunha substancia coa textura da terra e que arrecende moi ben! Desde aquí queremos animarvos a que quen poidades fagades compostaxe na vosa casa, pois estaredes contribuíndo ao ciclo da natureza no mesmo lugar onde vivides. 
Así mesmo, tamén vos animamos a que fagades a separación do lixo, xa que deste xeito contribuímos a que se poida reciclar unha boa parte do lixo que producimos e a preservar un entorno máis limpo e natural.