venres, 25 de novembro de 2016

A LAGOA EN MARCHA!

Esta semana os pais de Alexandra de 3 anos, Mario e Beatriz, nos axudaron a enriquecer a nosa lagoa. Trouxeron unha parella de peixes koi e algunhas ras. A maioría das ras xa comezaron a hibernar, pero estas quedaron atrasadas, así que chegaron para poder dar algúns chimpos antes. Tamén nos trouxeron plantas adaptadas á vida nas lagoas, xunto con informacións sobre elas, que agora vos transmitimos. As dúas primeiras plantas, Eichornia Crassipes, ou lirio de auga, e Myriophyllum, fento de auga. A primeira destas plantas absorbe as sales minerais disolúbeis na auga e evita a insolación e proporciona sombra; a segunda é unha planta oxixenante, sérvelle de alimento aos peixes e permite as postas e desoves de peixes e anfibios. Por outra parte trouxéronos plantas tapizantes, Vessicularia dubyana.
Moitísimas gracias, Mario e Beatriz.









xoves, 10 de novembro de 2016

A LAGOA EN MARCHA

Onte puxemos máis plantas na nosa charca. Desta vez trátase de plantas que van rodear a charca e nos amosarán un entorno máis natural, que tamén aproveitarán as nosas ras e outros animais para se agochar nelas. Se queredes buscar información sobre estas plantas, tomade nota dos seus nomes: 
  • Cotoneaster salicifolius
  • Phormium tenax
  • Uncinia rubra
  • Carox


venres, 4 de novembro de 2016

XA TEMOS A NOSA LAGOA!



Que vos parece a nosa lagoa hoxe? Coidamos que mellorou durante a fin de semana, pois a auga xa non está tan turbia. Dentro de pouco a nosa lagoa irá creando o seu propio ecosistema onde todos os seres vivos conviven e dependen uns dos outros. A isto van contribuír as plantas acuáticas que puxemos. Velaí a lista das que xa están:

  • Nenúfares ((Nymphaea spp.) tamén chamados lirios de auga
  • Elodea, unha planta acuática que vive totalmente somerxida na auga
  • Typha latifolia, unha especie de xunco ou espadana, tamén chamada mazá de auga
  • Cyperus, outra especie de xunco. Deste mesmo xénero é o papiro, a planta coa que os antigos exipcios facían unha lámina na que podían escribir
  • Equisetum arvense, ou cola de cabalo
  • Alisma, outra planta acuática con flores moi vistosas
  • Alocasia spp., ou orella de elefante