sábado, 29 de maio de 2021

HOTEL DE INSECTOS













Neste mes de maio, Francis, pai de dous alumnos e unha alumna do noso colexio, estanos a construír un hotel de insectos, coa axuda do alumnado do colexio. Vai ser un hotel impresionante, no que van poder vivir moitísimos insectos. Ao primeiro houbo de facerse a estrutura xeral do hotel, con diferentes compartimentos, nos cales van poder vivir diferentes especies de insectos. Nestes días estase a traballar poñendo os elementos precisos para que poidan acomodarse, segundo as súas características, os diferentes insectos. É moi importante que cada insecto se encontre a gusto no hotel.
Xa dixemos hai algún tempo que moitos destes insectos son fundamentais para a reprodución de moitas especies vexetais, pois contribúen á súa polinización e reprodución, como é o caso dos abellóns e diferentes tipos de avésporas.
Por se isto non fora pouco, Francis está axudando a que as nosas alumnas e alumnos melloren o seu inglés, pois estalles a ensinar moitos aspectos interesantes sobre a vida natural, en inglés.
Aínda que os empregan moitos insectos como refuxio (como as xoaniñas ou as crisopas), os principais ocupantes dos hoteis de insectos son os abellóns, e as abellas e as avispas solitarias, que os utilizan para que medre a súa descendencia. Na natureza, estes himenópteros solitarios buscan furados e galerías excavadas feitas por outros animais. Neste caso é Francis coa axuda das alumnas e os alumnos do noso colexio!
Moitas grazas Francis por dedicarnos o teu tempo e esforzo en mellorar o noso colexio!

martes, 25 de maio de 2021

CAIXA NIÑO

Na casa niño que instalamos no mes de decembro nunha das bidueiras que están no areeiro, hai unha familia de paxaros que se instalou nesta primavera para criar. Alá polo mes de decembro a Asociación Ambiental Adiantum coa colaboración de SEO Birdlife cedéranos un lote do Proxecto Aves de Compostela e ... xa temos os primeiros moradores!
A nosa experta en paxaros, Ildara, di que é un ferreiño azul. Canta facendo “tsitsitsitsi”.

domingo, 9 de maio de 2021

Incubando ovos de parrulo e galiña araucana

Na aula de 5º temos en marcha unha incubadora porque estamos a incubar parrulos e galiñas araucanas. Comezamos o proceso este venres pasado, 7 de maio. Se todo vai ben dentro de 21 días nacerán 12 pitos de galiñas araucanas, e unha semana despois, 8 pitos de parrulo. Esperemos ter pronto moitos pitos!

Envásate ao baleiro

Hai unhas semanas levamos a cabo na aula de 5º un experimento chamado "Envásate ao baleiro", para o que empregamos unha aspiradora e unha bolsa de basura grande. O experimento consiste en meterse dentro da bolsa, asegurándonos antes de que non estea rota nin teña ningunha fuga. Unha vez que se mete alguén metemos o extremo do tubo da aspiradora dentro, pechamos a bolsa ben por baixo do pescozo (con axuda) e acedémola.
Deste xeito extraemos todo o aire que queda dentro da bolsa e a presión atmosférica do exterior apreta a bolsa contra o corpo, ata quedar como un alimento envasado ao vacío!
Iso si, é necesario a axuda de varias persoas, das que polo menos unha sexa un adulto, para termar de quen esta na bolsa e apagar a aspiradora despois duns segundos. Se o facemos con coidado é moi divertido!

Experimentos en 4º de Educación Primaria

Nestas últimas semanas na aula de 4º de Educación Primaria fixemos estes experimentos que podedes ver nestes vídeos:












mércores, 28 de abril de 2021

De Fisterra a Portosín

Reacción química ácido-base

Este xoves fixemos na aula un experimento que amosa unha reacción química entre un ácido e unha base. O ácido era vinagre e a base bicarbonato sódico. A combinación das dúas sustancias, ao producir CO2, foi quen de inchar un globo primeiro e apagar unhas velas despois. Concentrámonos tanto no experimento que non nos lembramos de facer fotos!
Cando se mesturan o vinagre e concretamente o ácido que leva, que é o ácido acético (CH3COOH), e unha base que é o bicarbonato sódico (NaHCO3) prodúcese dióxido de carbono (CO2) entre outros produtos. Este gas libérase en forma de burbullas, tendea escaparse da botella e chega ata o globo provocando que este se inche.
Ao deixar de producir as burbullas, a reacción química terminouse e o globo non se inchará máis.
Se despois de quitar o globo tapamos a boca da botella e deixamos saír o CO2 sobre unhas velas acendidas, apáganse.
Como en todas as nosas sesións experimentais o alumnado propón unha hipótese sobre o que sucederá, observa os resultados e procura unha explicación ao desenvolvemento do experimento.